As mulleres que nos levaron á lúa é o título dunha exposición presentada este xoves e coa que a Universidade de Vigo, co apoio da Deputación de Ourense, pretende impulsar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre o alumnado feminino, poñendo de relevo o traballo das mulleres que hai 50 anos foron claves para o éxito da misión do Apolo XI e a chegada da primeira persoa á lúa.
A mostra foi presentada no Centro Cultural Marcos Valcárcel coa presenza do vicepresidente da Deputación, César Fernández; a deputada de Igualdade, Luz Doporto; e as promotoras desta iniciativa: Nieves Lorenzo e Inés Álvarez, profesoras do campus de Ourense; Encina Calvo, da Universidade de Santiago de Compostela, e a ilustradora da mostra Manuela Elizabeth Rodríguez “MeliMolita”. No acto, Nieves Lorenzo, profesora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus, explicou que a idea desta exposición ten como punto de partida a inquedanza do profesorado universitario pola escasa presenza de mulleres nos graos científicos e tecnolóxicos e a falta de referentes femininos nestas disciplinas, así como polo éxito doutra mostra, Mulleres na Ciencia, organizada polas promotoras desta nova iniciativa trala declaración, por parte da ONU, do 11 de febreiro como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Na actualidade, lembrou a profesora, “unha de cada cinco persoas que traballan na industria aeroespacial son mulleres, das que só o 15 % cursan estas titulacións, cando esta enxeñaría, xunto coa de Informática, son profesións de futuro nos ámbitos tecnolóxicos e da innovación que, ademais, poden estudarse no campus ourensán”. Pola súa banda, César Fernández puxo en valor “a innegable presenza activa da muller na historia da ciencia, pero que cómpre visibilizala”, sinalando que precisamente o mes de novembro, que está a piques de comezar, “é moi simbólico e significativo en tanto que a invisibilidade da muller tamén pode interpretarse como un xeito de violencia”.