A fabricación é un dos temas fundamentais na maioría dos cursos de enxeñaría de grao e posgrao, incluíndo nos seus programas tanto sesións de laboratorio como de taller. A publicación Notes for manufacturing instructors. From class to workshop, editada polos profesores Diego Carou (Universidade de Vigo) e J. Paulo Davim (Universidade de Aveiro-Portugal) recolle exemplos prácticos de aplicación de enxeñaría de fabricación desenvolvidos en institucións de académicas de diferentes países.
O libro, publicado dentro da serie da editorial Springer Materials Forming, Machining and Tribology, consta de 14 capítulos que abordan unha ampla gama de temas, incluíndo deseño e simulacións, diversos procesos de fabricación como fabricación aditiva, moldeo por inxección, conformado, mecanizado, fundición e mecanizado non convencional, así como monitorización de procesos, metroloxía e inspección mediante tomografía. Tamén explora a aplicación de metodoloxías como o deseño de experimentos e a aprendizaxe automática. Estas contribucións, comentan os editores da publicación, permiten tanto a profesorado como a alumnado aplicar a teoría da enxeñaría de fabricación en escenarios do mundo real, aproveitando as mellores prácticas desenvolvidas en institucións de enxeñaría, como as universidades de Vigo, A Coruña, Politècnica de Catalunya, Jaén e Córdoba (España); a Vasile Alecsandri, University of Bacau (Romanía); o IDMEC, Instituto Superior Técnico (Portugal); a Hacettepe University (Turquía) e a University of Banja Luka (Bosnia e Hercegovina).
Da teoría á práctica
Diego Carou é profesor titular e subdirector na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense e forma parte do grupo de investigación Rede (Enerxía, Innovación e Medio Ambiente). Explica que estudantado e profesorado dispón no eido da fabricación dunha abundante literatura para aprender sobre as bases dos procesos e para aplicar teorías e ecuacións para analizalos. “Algúns destes libros teñen actualizacións periódicas e convertéronse en manuais recomendados en moitas universidades de todo o mundo. Así, é posible recoñecer un coñecemento común sobre a fabricación que se transmite aos estudantes de enxeñaría”, comenta.
Nas últimas décadas, nesta aprendizaxe os editores sinalan que “está a ocorrer un cambio desde enfoques de memorización cara a procesos de aprendizaxe baseados na adquisición de competencias polos estudantes, co obxectivo de facilitar experiencias de aprendizaxe máis significativas”. Neste contexto, detallan que as metodoloxías de “aprender facendo” son especialmente útiles. “Na fabricación, os laboratorios e talleres xa teñen unha longa tradición. Hai diferentes maneiras de abordar estas actividades, pero poden axudar aos estudantes, entre outras cousas, a conectar teoría e práctica; a aproveitar a tecnoloxía; a cooperar e aprender dos compañeiros; a planificar, organizar e executar tarefas; e a analizar resultados e presentar informes”, apuntan.
Neste marco de consideración, investigadores e profesores de fabricación, comentan os editores do libro, “centraron a súa atención principalmente na publicación de libros de texto e estudos de investigación e polo tanto non hai abundante literatura actualizada relacionada con software e sesións de laboratorio. É posible atopar información, pero está dispersa por diferentes sitios de Internet, actas de congresos, revistas, etc.” Así, o libro agora publicado “pretende crear un estudo exhaustivo da enxeñaría de fabricación aplicada” e “proporcionar un manual útil para usar principalmente nas escolas”. Para acadalo, para a súa elaboración os seus responsables puxéronse en contacto con profesorado de diversas institucións académicas para contribuír na redacción de capítulos que tratan sobre software e charlas de taller.