Entre outros moitos aspectos, a covid-19 trouxo á palestra un destacado interese pola propagación de aerosois en espazos pechados. No seu traballo fin de grao, o estudante da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo Moisés del Puerto, baixo a dirección dos profesores do centro Elena Martín Ortega e Iván Area, analizou a propagación destes aerosois na sala de exames do edifico do Campus Auga, no campus de Ourense. Entre os resultados acadados destaca como “a distancia interpersoal debería ter sido maior dos 1,5 metros empregados como medida de prevención durante a pandemia”.
“O obxectivo fundamental do meu traballo foi comprender a propagación de aerosois nunha aula (en particular nunha aula de exames) e axudar a previr a propagación do virus da covid-19 nas pingas de saliva”, comenta o autor, que sinala como escolleu este tema tendo en conta a súa actualidade e utilidade pero tamén o feito de que lle pareceu un problema de mecánica de fluídos “interesante de afrontar”. O seu estudo centrouse no modelado do transporte de aerosois na sala elixida, emprgada pola Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, baixo diferentes condicións de ventilación de HVAC, iniciais que corresponden con H (heating-calefacción), V (ventilating-ventilación) e AC (air conditioned-aire acondicionado).
O modelo numérico implementado, destaca o egresado, “resolve a inxección de partículas de aerosois expulsadas por unha persoa que esbirra, analiza os peores lugares ventilados da habitación e propón contramedidas para minimizar os riscos”. Para contrastar o modelo, Moisés del Puerto realizou distintos experimentos con persoas reais que serviron para afinar o modelo e corroborar a validez das hipóteses propostas.