Uxía García é egresada da primeira promoción (2016-2020) da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense e investigadora neste centro do grupo Aerospace Technologies Research Group (atlanTTic). Ela é tamén a autora da primeira tese de doutoramento na área de enxeñaría aeroespacial da Universidade de Vigo. O seu traballo centrouse no estudo termo-elástico da plataforma de apuntamento de telescopios espaciais.
A tese, presentada a pasada semana no campus de Ourense, fíxose no marco da Escola Internacional de Doutoramento da UVigo e do Programa de Doutoramento en Tecnoloxía Aeroespacial: Enxeñarías Electromagnética, Electrónica, Informática e Mecánica. Levou por título Thermo-elastic study of the pointing platform for space telescopes e foi dirixida por Fernando Aguado, director do citado programa de doutoramento, e por Fermín Navarro.
Desde que finalizou a carreira, esta enxeñeira aeroespacial, a primeira dos estudantes do Grao de Enxeñaría Aeroespacial da UVigo que se doutora nesta institución académica, colabora co grupo Aerospace Technologies Research Group, contando cunha bolsa da Xunta de Galicia. “Ao comezo levaba a cabo tarefas principalmente relacionadas co desenvolvemento do proxecto europeo WiPTherm, no que estabamos a cargo de integrar un dispositivo novidoso de Wireless Energy Transfer (WET) a bordo dun CubeSat 3U”, sinala. Estas tarefas permitíronlle formarse en sistemas espaciais, así como no desenvolvemento de campañas de validación experimental tanto de vibracións como de baleiro térmico. “Co transcurso do tempo, tiven a oportunidade de poder participar noutros proxectos como o desenvolvemento de varias análises termo-elásticas para o Instituto de Astrofísica de Canarias, os cales deron lugar a miña tese”, comenta a investigadora.
Mellorar a enxeñería de satélites
Sobre o contido da tese, a súa autora explica que “a industria aeroespacial está a experimentar un cambio de paradigma marcado por unha diminución nos custos de lanzamento e a estandarización de pequenos satélites”. Neste contexto, a súa investigación céntrase en “pechar a fenda tecnolóxica na precisión de apuntado destes satélites para potenciar as súas capacidades”. O apuntado, precisa Uxía García, é a capacidade dun satélite para non desviarse da orientación requirida polo modo de operación. Para mellorar esta precisión, aclara, “é necesario prestar atención a todas as fontes de erro, incluíndo as perturbacións termo-elásticas, que poden afectar significativamente o rendemento dos satélites”. Estas perturbacións termo-elásticas son deformacións na estrutura xeradas polos campos de temperaturas aos que se ve sometida a plataforma e o instrumento do satélite e que poden provocar, por exemplo, unha degradación da calidade final das imaxes que proporcione.
A investigadora da UVigo sinala que a creación por parte da Axencia Espacial Europea das directrices europeas para a verificación termo-elástica, reforzan a necesidade de crear ferramentas que predigan con exactitude as deformacións termo-elásticas nos telescopios espaciais. Neste contexto, a súa tese “presenta unha metodoloxía de análise termo-elástica que segue as directrices europeas pero introduce un enfoque novidoso na avaliación do rendemento óptico do telescopio espacial, empregando a propagación de incertezas dos diferentes parámetros de entrada dos modelos térmico e estrutural”. Este método, detalla, permite identificar as variacións de cada un dos parámetros de entrada ao longo da cadea de análise, unificando o traslado de información entre as análises térmica e estrutural do telescopio e indica como e en que medida os diferentes factores contribúen á degradación do rendemento óptico. “Isto permite aos enxeñeiros encargados do deseño do instrumento focalizar os seus esforzos en mitigar aqueles factores que supoñen un maior risco para o éxito da misión”, resume a enxeñeira aeroespacial.
A metodoloxía proposta por Uxía García foi aplicada ao deseño do telescopio espacial de observación da Terra VINIS, do Instituto de Astrofísica de Canarias, permitindo “revelar dous aspectos críticos que afectaban ao seu funcionamento, os cales non se terían detectado con métodos tradicionais de análise”. A importancia desta metodoloxía, sinala por último a investigadora, “non se limita aos telescopios espaciais, senón que pode estenderse a calquera instrumento espacial, o que pon en valor o seu potencial para mellorar a enxeñería de satélites en xeral”.
Talento e compromiso de xénero
Tras a presentación desta primeira tese en enxeñaría aeroespacial Fernando Aguado destaca que “é unha satisfacción que novos egresados, neste caso egresada, realicen un traballo investigador de tanta calidade, aplicabilidade e proxección”, apuntando que a metodoloxía proposta na tese continúase desenvolvendo en proxectos espaciais internacionais do Aerospace Technologies Research Group. “Uxía é un exemplo de como desde a Universidade de Vigo, neste caso desde o campus de Ourense, fórmase talento a nivel non só rexional e nacional senón tamén internacional”, afirma. Pola súa banda, Humberto Michinel, director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, sinala que “é unha gran satisfacción para a escola que xa haxa egresados da mesma que alcanzan o título de doutor, máxime sendo unha muller nun campo como a enxeñaría aeroespacial, no que aínda hai un camiño por recorrer en canto ao balance de xénero e no que estamos moi comprometidos no noso centro”. Neste senso, Uxía García amosa o seu desexo de que exemplos coma o seu sirvan de “inspiración para romper barreiras de xénero no ámbito das enxeñarías e promover a igualdade nun campo tradicionalmente dominado por homes”.