Membros do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo e do Instituto de Química Física Rocasolano, do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) en Madrid, veñen de crear a Unidade Asociada de I+D+i ao CSIC Modelización e simulación de materiais nanoestruturados. A nova estrutura permitirá a estes investigadores e investigadoras dispor dun marco idóneo para manter e potenciar a súa actual colaboración científica en temas como a termodinámica de proteínas intrinsecamente desordeadas e a autoorganización de sistemas biolóxicos.
Na unidade, aprobada en marzo polo CSIC, participan por parte da UVigo Jacobo Troncoso (investigador principal), Diego González e Claudio Cerdeiriña, membros do Grupo de Termofísica Molecular do campus de Ourense e promotores do novo Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais da UVigo, e Manuel Martínez Piñeiro (investigador principal) e Martín Pérez, do Grupo Física Aplicada 2 do campus de Vigo. Por parte do Instituto de Química Física Rocasolano participan os investigadores Enrique Lomba e Eva González Noya.
O CSIC recoñece como Unidades Asociadas de I+D+i a departamentos, laboratorios, grupos de investigación ou outras estruturas de I+D+i pertencentes a universidades, organismos de investigación, centros tecnolóxicos e calquera outra institución ou entidade de carácter público ou privado, sen ánimo de lucro, que estean desenvolvendo actividades científicas ou tecnolóxicas en áreas comúns, afíns ou complementarias ás dun ou máis dos institutos do CSIC e que manteñan con estes unha relación estable de cooperación científica. Na actualidade ten recoñecidas arredor dun centenar de unidades asociadas, a maioría con universidades, como é este caso.
Segundo explica o equipo da UVigo, sobre a base da colaboración preexistente con Enrique Lomba e Eva González Noya, “estes últimos consideraron oportuno propor desde o Instituto de Química Física Rocasolano á presidencia do CSIC que os nosos grupos constituísen esta Unidade Asociada de I+D+i, por ser a fórmula contemplada para articular a colaboración de persoal do CSIC con persoal externo nunha temática científica determinada”. Trátase, sinalan, dunha “vía privilexiada de colaboración, asociando o nome da UVigo a un centro de prestixio internacional coma o IQF Rocasolano”.
Recoñecemento e impulso
O feito de crear esta Unidade Asociada, comenta o equipo da Universidade de Vigo, “recoñece en primeiro lugar a calidade do traballo científico desenvolvido en colaboración”. Asemade, establece un marco que facilita a mobilidade de investigadoras e investigadores entre grupos (o que é de especial interese para os que están en formación) e tamén para alumnado de doutoramento (aos que lles facilita acceder ás capacidades científicas e formativas do IQF Rocasolano). Tamén subliñan como esta nova unidade abre a posibilidade de concorrer coma grupo de investigación coordinado a convocatorias competitivas de proxectos de investigación. “A competencia científica de ambos grupos é complementaria e a estruturación da unidade permite abordar obxectivos científicos más complexos que os accesibles por separado”, afirman os seus promotores, que destacan que a sinerxía da colaboración existente entre os grupos implicados “ten dado xa brillantes resultados”.
A unidade, que terá unha duración inicial de tres anos, está organizada en torno ao eixo central da modelización de novos materiais a escala molecular e enfocarase dende unha tripla óptica: experimental, teórica e de simulación, xa que os grupos participantes “teñen experiencia e probada competencia nestas tres metodoloxías para o estudo de sistemas físicos”. Sobre a relevancia da I+D+i neste eido, os investigadores da UVigo lembran que na actualidade o deseño de novos materiais comeza sempre por avaliacións rigorosas das súas propiedades empregando diferentes ferramentas teóricas a diferentes escalas, dende a mecánica cuántica, pasando pola simulación molecular ata os modelos macroscópicos empregados en aplicacións tecnolóxicas e industriais.
A colaboración científica de máis de dez anos entre os grupos de investigación participantes nesta nova unidade céntrase na actualidade en temas como a análise de estrutura e funcionalidade de proteínas, o estudo de sistemas complexos en medio acuoso, a agregación e autoorganización en sistemas de interese biolóxico, o deseño de novos materiais para captura de CO2 e o almacenamento de hidróxeno. “Todos estes temas son obxecto de esforzos investigadores moi intensos a nivel internacional, tendo presentados os participantes nesta Unidade Asociada numerosas contribucións con destacada relevancia na comunidade científica”, sinala o equipo da UVigo. Ambos grupos, lembran, participaron na creación da Rede Española de Simulación Molecular, que agrupa a persoal investigador de 15 universidades españolas, con numerosas colaboracións estranxeiras, e cuxas reunións científicas anuais veñen sendo organizadas pola Universidade de Vigo. Ademais, teñen desenvolvido dous proxectos de investigación coordinados financiados polo Ministerio de Ciencia e Innovación así coma numerosos artigos científicos e estadías de investigación.