O campus de Ourense acolle desde este xoves e ata o domingo o XXVII Congreso da Asociación de Estudiantes de Aeronáutica y el Espacio (AEAE). Dirixida polos alumnos da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo deste campus Enrique García e Pablo Magariños, a AEAE é unha entidade sen ánimo de lucro formada por alumnado de todas as facultades e escolas que imparten titulacións relacionadas coa aeronáutica e o espazo en España, abranguendo na actualidade trece universidades.
Segundo explicou o presidente da asociación, Enrique García, o congreso, o primeiro deste tipo que se celebra en Galicia, conta coa participación dunha trintena de estudantes de dez institucións académicas e de numerosos puntos da xeografía estatal, como Catalunya, Castilla y León, Madrid, Andalucía e Castilla-La Mancha. Na súa benvida ás e aos participantes, o responsable da entidade destacou a importancia deste congreso, a satisfacción de poder celebralo en Ourense e agradeceu a colaboración e apoio recibido tanto da Universidade de Vigo como da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo de Ourense. Do mesmo xeito, tanto a vicerreitora do campus de Ourense, Elena Rivo, como o director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, Humberto Michinel, tiveron palabras de agradecemento á asociación por ter elixido a Ourense como sede do seu congreso.
Pór en valor a representación estudantil
Desde a Asociación de Estudiantes de Aeronáutica y el Espacio, o seu presidente avogou pola necesidade de “seguir coidando a universidade pública, apostando por ela e dotándoa de recursos para que desenvolva as súas iniciativas, que logo son orgullo para todo o noso país”. Igualmente puxo en valor a representación estudantil e subliñou a importancia de “buscar fórmulas conxuntamente para que, cando cheguen os períodos electorais universitarios, independentemente dos seus resultados, a participación gañe á abstención”, afirmou Enrique García.
Os obxectivos da AEAE son representar, comunicar e mellorar o ensino nos estudos de Aeronáutica e Espazo, defendendo os intereses do seu alumnado, establecendo relación entre os centros que os imparten, impulsando a mobilidade estudantil, promocionando actividades para este colectivo, fomentando a participación en órganos de representación e achegando o mundo profesional e emprendedor aos estudantes. Neste contexto, o programa do seu XXVII congreso está composto por diferentes actividades formativas, conferencias e visitas de interese. Entre elas está un taller da empresa de formación aeronáutica ITAérea sobre estratexia e análise de datos en aeroliñas; conferencias sobre saúde mental e xornadas sobre asociacionismo, sobre xestión de equipos e comunicación e sobre o traballo diario nas vogalías, entre outros aspectos. Ademais, as e os participantes tamén coñecerán a experiencia de traballo na Axencia Espacial Europea de man dun egresado da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo de Ourense e realizarán diversas visitas de interese, como ao edificio do Campus Auga. Por último, o congreso rematará coa celebración da XXVII asemblea xeral ordinaria da asociación, na que se ratificarán os acordos tomados durante os días previos, así como a actividade que se ten realizando na asociación ao longo do período interasambleario.