BIXO (Bacteriological Intercommunication eXperiment), a misión biolóxica desenvolvida por UVigo SpaceLab, que ten por obxectivo analizar os efectos reais da exposición prolongada dos microorganismos ao medio espacial co lanzamento dun satélite, avanza seguindo os estándares European Cooperation for Space Standardization (ECSS), dos que forma parte a Axencia Espacial Europea. Cando restan pouco máis de dous meses para que se cumpra o primeiro ano de vida do proxecto, o alumnado das escolas de enxeñaría da Universidade de Vigo que integran UVigo SpaceLab “xa preparou a arquitectura do sistema e as interfaces do satélite para poder leva a cabo a finalización dos requisitos para continuar centrándonos no deseño detallado e a fabricación”, explica o director do proxecto, Manuel Diz Folgar. En canto á estrutura do satélite, os promotores do proxecto xa dispoñen do primeiro prototipo fabricado do cubesat de dúas unidades, e nos próximos meses comezarán a súa validación e ensaios no Campus Auga de Ourense coa mesa de vibracións e a cámara de termobaleiro.
Así mesmo, o equipo xa comezou os experimentos biolóxicos traballando co Cinbio en procedementos para garantir a seguridade dos microorganismos e implementalos como carga útil do satélite. “Por outra banda, o noso departamento de software de voo creou os primeiros algoritmos do sistema informático seguindo os estándares da Axencia Espacial Europea para procesar datos e controlar a plataforma”, detalla Diz, que engade que os primeiros algoritmos do subsistema de control de actitude do satélite que determinan a súa posición na órbita e permiten modificar a súa orientación, desenvolvéronse con Matlab, “o que nos permite redireccionar e rotar en todos os seus eixes o noso satélite para apuntar a estación terrea e descargar os seus datos”.