O proxecto Aeroganp, liderado polo Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (Ifcae) da Universidade de Vigo e cofinanciado polo programa Interreg España-Portugal POCTEP, xa está en marcha. Dotado en total con dous millóns de euros, o seu obxectivo é crear unha rede de investigación aeroespacial na eurorrexión Galicia-norte de Portugal. O consorcio que o desenvolve está formado por 12 socios: as tres universidades galegas e as portuguesas de Minho e Porto, centros tecnolóxicos como Gradiant, ITG, Inesctec ou Ceiia, administracións públicas como a Axencia Galega de Innovación e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal e o Consorcio Aeronáutico de Galicia, que aúna a numerosas empresas do sector.
Crear unha rede transfronteiriza
Un dos obxectivos principais do proxecto Aeroganp, explican desde a súa organización, é a creación dunha rede transfronteiriza de cooperación na eurorrexión, reunindo aos principais actores interesados no sector espacial para promover a investigación e a innovación. Tamén busca implementar unha serie de demostradores que operen en ambos lados da fronteira, facilitando a transferencia de tecnoloxía aeroespacial á sociedade. Así mesmo, aspira a contribuír significativamente ao desenvolvemento e mellora das capacidades de investigación, innovación e transferencia tecnolóxica aeroespacial ao sector produtivo.
Espérase que os impactos do proxecto, lanzado a pasada semana na sede da Axencia Galega de Innovación en Santiago de Compostela, sexan significativos na eurorrexión Galicia-norte de Portugal, segundo explican as entidades promotoras. Así, sinalan, fortalecerá a cooperación transfronteiriza no sector aeroespacial, promovendo a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico, e aumentará a transferencia de coñecemento desde a investigación básica no ámbito aeroespacial cara ás empresas circundantes. Aeroganp tamén quere contribuír ao crecemento de persoal investigador e tecnólogo altamente especializados en ambos os lados da fronteira, alcanzando a masa crítica necesaria para liderar proxectos de grande envergadura. A iniciativa, engaden, potenciará ademais o ecosistema de investigación, innovación e desenvolvemento como “un atractivo para investimentos na rexión, fomentando o desenvolvemento económico e a retención do coñecemento tecnolóxico”.
O cofinanciamento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) ao 75% dentro do programa POCTEP, sinalan desde Aeroganp, foi crucial para a realización das actividades planificadas, incluíndo o desenvolvemento dos demostradores, a creación da rede de cooperación e a investigación innovadora. “Coas sinerxías xeradas, é posible que xurdan novos proxectos de cooperación no futuro. A creación dun ecosistema de investigación e innovación no sector aeroespacial pode atraer investimentos adicionais e fomentar colaboracións continuas, fortalecendo a rexión como un hub aeroespacial en Europa. Polo tanto, as perspectivas de proxectos futuros son prometedoras”, conclúen.
Impulsar o potencial existente
Aeroganp foi impulsado no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, a iniciativa estratéxica da Xunta de Galicia para o sector aeroespacial no segmento dos sistemas e vehículos non tripulados. O punto de partida foi a visita da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas, en Castro de Rei (Lugo), “unha infraestrutura única para os axentes do sector polas súas instalacións e pola tecnoloxía e as condicións para a investigación e o desenvolvemento de proxectos e solucións que sitúa a Galicia á vangarda do sector en Europa”.
A eurorrexión, lembran desde o proxecto, posúe un grande potencial neste campo. Así, lembran, a Universidade de Vigo e a Universidade do Minho contan con titulacións de Enxeñaría Aeroespacial nos seus respectivos campus de Ourense e Guimarães e xa tiñan experiencias previas de colaboración en investigación e innovación. Doutra banda, engaden, a recente creación do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (Ifcae) na UVigo marcou “un punto crucial na actividade de investigación no campus de Ourense neste sector”. Esta actividade académica sumouse a investimentos públicos como a aposta da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia co Polo Aeroespacial de Galicia e, xunto con outras accións desenvolvidas por diversos centros tecnolóxicos, constitúen a base para o desenvolvemento do proxecto Aeroganp.