Cinco anos despois do seu lanzamento a bordo dunha nave Soyuz dende a base espacial rusa de Vostochny, en Siberia, o Lume-1 reentrou este mércores na atmosfera. Neste tempo, o satélite da Universidade de VIgo completou máis de 28.700 órbitas arredor da Terra, percorrendo unha distancia aproximada de 1300 millóns de quilómetros. A mensaxe de reentrada na atmosfera recibiuse ás 04.04 horas desta madrugada e a última transmisión na estación de Vigo tivo lugar onte martes. Aínda que a vida útil destes nanosatélites é reducida, entre 6 meses e 1 ano, o Lume superou non moito estas expectativas e fíxoo con “todos os seus compoñentes en perfecto estado, o que é pouco común despois de tanto tempo exposto ao ambiente espacial, polo que podemos considerar este proxecto como un éxito tremendo”, destaca o catedrático Fernando Aguado, director do Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais, ATRG (Aerospace Technology Research Group).
Lanzado en decembro de 2018, un dos obxectivos principais do Lume-1 era validar o sistema de comunicacións Sensor-Terra-Centro de Control–UAV a través do internet das cousas empregando como plataforma a carga de útil de comunicacións de UVigo TOTEM. O satélite cumpriu ao 100% cos seus obxectivos, xa que como explica o profesor Aguado, “validáronse con éxito non só todas as comunicacións, senón que na súa misión estendida puidéronse incorporar novas capacidades e aplicacións que inicialmente non foron incorporadas á misión debido á capacidade de reprogramación en órbita”. Estas novas aplicacións empregáronse, por exemplo, no marco da cooperación que se iniciou en 2020 entre a UVigo e a Universidade Noruega NTNU, e que, entre outros resultados e publicacións, deu lugar a unha tese de doutoramento codirixida en ambas institucións en base ás medidas do Lume-1.
Con todo, o Lume-1 non é o nanosatélite máis lonxevo da UVigo. Dos catro satélites deseñados por investigadores da institución (Xatcobeo, Serpens, Humsat-D e Lume-1), aínda queda en órbita o Humsat-D, que se lanzou en 2013. A pesar de que, pola antigüidade, a súa tecnoloxía ten un uso limitado en investigación, estase empregando de cando en vez para labores formativos, aproveitando que segue en órbita e en relativo bo estado de saúde na maioría dos seus compoñentes.
O quinto satélite da ‘constelación’ da UVigo chegará previsiblemente en 2027, xa que o Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais está traballando, entre outros proxectos, no lanzamento dun novo satélite demostrador para o que están a desenvolver unha carga útil de comunicacións láser de alta velocidade.
Un test para o sistema de comunicacións TOTEM
O satélite Lume-1 supuxo un paso moi importante na traxectoria do Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais ao incorporar o innovador sistema de comunicacións TOTEM, que está baseado no paradigma denominado SDR (Software Defined Radio), ou radio definida por software, que permite actualizar completamente o sistema de comunicacións abordo durante a misión. A experiencia foi un éxito, xa que como destaca o catedrático Fernando Aguado, “TOTEM funcionou sen problema durante toda a vida útil do satélite e, grazas ás súas capacidades de reconfiguración en órbita, puidemos realizar investigacións moito máis avanzadas das que se incluíran para a primeira fase da misión”. En concreto, detalla, realizáronse análises de fontes de interferencias de radio arredor de todo o planeta, ensaios de comunicacións e adquisición de datos de posicionamento de aeronaves, entre outros. Ademais, engade o responsable do grupo, “este desenvolvemento punteiro” foi transferido a Alén Space, spin-off da Universidade de Vigo, “que o comercializa en multitude de misións a nivel mundial”.
Proxecto FIRE-RS
Un dos obxectivos desta misión era testar a eficacia do satélite Lume-1 na loita contra os incendios forestais no marco do proxecto FIRE-RS, unha iniciativa froito da cooperación entre as escolas de Enxeñaría de Telecomunicación, Industrial, Informática e Areonaútica e do Espazo, xunto co centro de investigación atlanTTic (a través dos grupos de Tecnoloxías Aeroespaciais e Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas), o grupo CIMA, do Cintecx, o Laboratorio de Intelixencia Artificial Aplicada e dous socios europeos.
As probas, que se realizaron en contornas controladas mediante lumes reais nas instalacións de Seganosa co apoio da Axega, permitiron “comprobar o perfecto funcionamento tanto da plataforma do satélite e da carga útil de comunicacións, como dos sensores en terra desenvolvidos para detectar lume”. Esta liña de investigación tivo posteriormente continuidade no proxecto europeo FIRE-Poctep, do que formaban parte 12 socios españois e portugueses, entre eles o grupo de Enxeñaría de Recursos Naturais e Medio Ambiente e o grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais. As achegas da UVigo neste proxecto estiveron centradas tanto na análise dos lumes forestais como na inclusión dun módulo de axuda á pilotaxe nocturna de drons para o control e extinción de incendios.
O quinto satélite da UVigo, para 2027
Actualmente, o grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais está traballando en numerosos proxectos tanto nacionais como internacionais e coa Axencia Espacial Europea en diferentes áreas de tecnoloxías aeroespaciais, como enxeñaría de sistemas, enxeñaría termo-mecánica, comunicacións por satélite, solucións a bordo de UAV e aplicación de intelixencia artificial.
Así, están involucrados en iniciativas relacionadas coas cargas de pago en drons e en satélites, así como en proxectos de exploración da Lúa. Exemplos desta última liña de traballo son o proxecto de Ampers para o desenvolvemento dun sistema de potencia híbrido para un rover lunar e o proxecto Antennas for Underground Communications, en cooperación co grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas, para deseñar as futuras comunicacións en covas lunares.
No que atinxe ao campo de comunicacións por satélite e aplicación de tecnoloxías aeroespaciais, explica Aguado, “estase desenvolvendo unha carga útil de comunicacións láser de alta velocidade, con, eventualmente, capacidade de criptografía cuántica, que require así mesmo sistemas avanzados de apuntamento e control termo-mecánico baseados en algoritmos de intelixencia artificial”. O grupo agarda ter finalizada a carga útil para ser embarcada nun prazo de dous anos e medio, “polo que actualmente estamos traballando para poder ter un novo lanzamento dun satélite demostrador no primeiro semestre de 2027”. Ademais, engaden, “estase valorando a posibilidade de incluír cargas de pago adicionais en colaboración con outras institucións”.