O novo Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (IFCAE) da Universidade de Vigo, que ten a súa sede no campus de Ourense, xa rematou o seu proceso de posta en marcha coa creación dunha estrutura de gobernanza e a adscrición de máis de 40 investigadoras e investigadores da UVigo.
Esta semana, o IFCAE celebrou a primeira xuntanza presencial das e dos investigadores pertencentes a diferentes grupos de investigación da UVigo que decidiron adscribirse a este instituto. Concretamente foron 46 as persoas que responderon ao chamamento de adscrición inicial que fixo o centro tras a súa creación: 29 investigadoras e investigadores permanentes; 13 non permanentes e catro persoas de apoio ou técnicos. Este persoal investigador pertence a grupos de áreas de coñecemento moi diversos, destacando a física, a enxeñaría aeronáutica e a enxeñaría informática, e aínda que a súa maioría pertencen ao campus de Ourense tamén hai membros do campus de Vigo. “O proceso de creación do instituto está finalizado, xa están feitos todos os pasos e contamos xa cunha estrutura de funcionamento completa”, explica Ángel Paredes, director do IFCAE. O responsable do novo centro subliña que “cos vimbios que temos agora trátase de potenciar as sinerxías entre os grupos e investigadores do instituto e poder traballar xuntos en proxectos de futuro para que o IFCAE sexa máis que a suma dos seus compoñentes”.
Deste xeito, o instituto conta xa cunha gobernanza formada por unha xunta directiva composta por Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación; Yolanda López, en representación do Cosello Social da UVigo; Humberto Michinel, en representación do persoal investigador vinculado ao instituto, Manuel Arias, en representación do persoal que non é investigador vinculado; e Ángel Paredes e Elena Martín, respectivamente director e secretaria do IFCAE. A comisión científica está formada por Ángel Paredes, Elena Martín, Humberto Michinel, Higinio González, Maria José Lado, David Nicholas Olivieri, Clara Asunción Tovar e Enrique Aldao. Por último, o comité asesor externo está composto por Neves Seoane (de INTA, directora do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas-CIAR); Enrique Miguel Mallón (secretario xeral de Asime e presidente do Consorcio Aeronáutico Galego); Manuel Sanjurjo (da Universidad Carlos III de Madrid); Gustavo Alexandre Oliveira Rodrigues Dias (da Universidade do Minho), e Fumiko Kawazoe (do Max Planck Institute for Gravitational Physics).
Áreas de investigación e capacidades tecnolóxicas
O Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais nace co obxectivo de ser impulsor do ecosistema galego aeronáutico e aeroespacial así como das súas sinerxías coa investigación emerxente baseada na física. A súa misión é converterse e posicionarse como un centro de investigación e transferencia de I+D de referencia para o sector nos campos da física, sistemas aeroespaciais e outras disciplinas relacionadas, conectado ás redes nacionais e internacionais máis relevantes. O centro márcase como eixos prioritarios fomentar unha investigación excelente e recoñecida no seu ámbito; facer unha transferencia de coñecemento á sociedade e ao sector produtivo relevante; captar talento reforzado e divulgar e comunicar.
A investigación do IFCAE céntrase en certas áreas da física e das ciencias aeroespaciais, e en especial na procura de sinerxías entre elas e con outras disciplinas relacionadas como poden ser as matemáticas e a enxeñaría informática. A súa actividade ten, por tanto, un marcado carácter interdisciplinar e busca un equilibrio entre investigación básica e investigación aplicada. A súa axenda científica estrutúrase ao redor de cinco grandes áreas de investigación interrelacionadas entre si. A primeira delas é a de Aeronaves non Tripuladas, que inclúe enxeñaría e operacións de aeronaves non tripuladas, optimización e dixitalización de procesos, realización de ensaios e prototipos, etc. A segunda é Fluidodinámica e Termodinámica e abrangue eidos como a mecánica de fluídos computacional, termodinámica e dinámica molecular, técnicas de medida e termofluidodinámicas. Tamén están as áreas de Sistemas Ópticos (sistemas láser e aplicacións, metroloxía e sensorización e sistemas cuánticos, etc) e a de Modelización, Simulación e Software (modelización matemática interdisciplinar, métodos computacionais avanzados, desenvolvemento de software, por exemplo). Pecha o listado Ciencias do Espazo, que inclúe astrofísica e física do espazo, mecánica orbital, análise de misión e optimización de traxectorias ou sistemas de observación.
Respecto ás súas capacidades tecnolóxicas, desde o instituto sinalan que frito desa masa crítica investigadora que o avala o centro nace con experiencia en investigación e transferencia en diversos campos, incluíndo aspectos de mecánica de fluídos, dinámica molecular, óptica, metroloxía, enxeñaría e operacións de aeronaves non tripuladas, modelización matemática, misións espaciais e software avanzado. Para continuar desenvolvendo estas capacidades, ademais dos recursos compartidos que ofrece a Universidade de Vigo, as instalacións coas que conta o IFCAE inclúen laboratorios xa existentes de óptica, de metroloxía óptica, de UAVs, de termofísica e de reoloxía e un centro de cálculo para mecánica de fluídos.