As aeronaves Lign-0 e Mobula-0, deseñadas, construídas e pilotadas polo equipo de aeromodelismo UVigo Aerotech xa voan en Valencia na competición XtraChallenge 2023. Coa súa participación nesta cita culmina un intenso ano de traballo de 28 estudantes da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense. “O noso obxectivo prioritario non é a competición en si, senón a aprendizaxe durante o proceso, o reto de afrontar na realidade o deseño, fabricación e voo de aeronaves, e ese reto queda cumprido. Estamos moi satisfeitos”, explican desde o equipo.
A XtraChallenge, que se celebrada do 12 ao 14 de xullo, é unha competición española universitaria de aeromodelismo, concretamente de transporte de carga con drons de á fixa, creada en 2022 por estudantes da Universitat Politècnica de València (UPV), do equipo Xtra2 UPV. A cita xurdiu co propósito de animar ao alumnado estatal a deseñar, construír e pilotar aeronaves radiocontrol desde unha perspectiva de enxeñaría. O certame está baseado na Air Cargo Challenge (ACC), na que ten participado o pasado verán o equipo do campus de Ourense.
Concretamente, a UVigo participa en Valencia con dúas aeronaves, Lign-0 e Mobula-0, deseñadas e fabricadas con materiais económicos, seguindo a filosofía da competición na que participan, onde se limita o orzamento de fabricación por aeronave a 300 euros. Porén, subliñan, “utilizáronse procesos de enxeñaría moderna como o deseño CAD, a simulación aerodinámica e estrutural ou o mecanizado de diversas pezas, entre outros procesos, que foron posibles grazas ás empresas que colaboran ano tras ano co equipo, a maioría delas do tecido industrial galego”. Lign-0, detallan, é un dron de á fixa convencional, cunha disposición similar ás aeronaves civís e fabricado principalmente con madeira cortada por láser. Mobula-0 é unha á voante fabricada con poliestireno expandido, a primeira deseñada por este equipo “cun deseño máis atrevido e que abre un mundo novo de posibilidades e permite explorar novos conceptos a UVigo Aerotech”.
Unha competición amigable
O primeiro día da XtraChallenge 2023 Valencia as dúas aeronaves de UVigo Aerotech superaron con éxito as probas estáticas, nas que se fai a revisión dos modelos, polo que xa pasaron a competir na fase de voo que remata este venres. “Estamos moi contentos de ter chegado ata aquí e de poder participar nesta competición”, explica Pablo Magariños, team leader do equipo. No certame, sinala, “hai un ambiente moi bo, é unha competición moi amigable na que todos nos axudamos e prestámonos cousas. Aínda que esteamos competindo uns con outros aquí estamos todos para aprender e vivir a experiencia. Importa máis conseguir que todos saquemos adiante os nosos avións que gañar ao equipo do lado”. UVigo Aerotech, lembra, afrontou esta tempada cunha plantilla renovada e novas ideas. “No equipo tivemos este curso moita xente nova e o noso obxectivo prioritario era que puidesen aprender e cremos que o temos conseguido. Sempre hai marxe de mellora, pero o obxectivo de que todo o mundo teña aprendido e coller o ambiente de equipo conseguímolo e iso é o principal”, resume Pablo Magariños. Para acadalo apunta que un factor moi importante foi que na competición en Valencia empréganse aeronaves de baixo custe, algo, que indicou, “axuda moito á aprendizaxe, xa que ves o que falla e arránxalo; aconséllanche algo e próbalo e volves a probalo”, sen estar tan condicionados polo impacto económico de cada decisión. A creación de Lign-0 e Mobula-0, recalcan desde UVigo Aerotech, serviu aos membros do equipo para adquirir experiencia e coñecemento no desenvolvemento completo dunha aeronave, desde a fase de deseño preliminar ata o período de fabricación e voo”.
Evolucionando cada curso
A historia de UVigo Aerotech comezou a principios de 2020 na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo de Ourense cunha primeira tempada que rematou co deseño do AZOR-0 e continuou co deseño e fabricación do dron CORV-0, que competiu na Air Cargo Challenge 2022 en Alemaña, considerada unha das competicións interuniversitarias de enxeñaría aeronáutica máis importantes de Europa. O próximo reto será conseguir ir á Air Cargo Challenge 2024, que se celebrará en Aachen, Alemaña.
Desde UVigo Aerotech agradecen a todas as entidades públicas e privadas o seu apoio e colaboración co equipo no desenvolvemento dos seus proxectos, como son a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, Coasa, Mecadis, Gurit, Europrecis, Utingal, Marine Instruments, Altair, o Centro de Investigación, Transferencia e Innovación, o Civil UAVs Initiative, Centum ou RDC Works e Illumnia.