O campus de Ourense abriu este xoves as súas portas ao alumnado preuniversitario. 500 rapaces e rapazas de once institutos das provincias de Ourense e Lugo achegáronse a coñecer de primeira man as súas nove escolas e facultades, os seus 16 títulos de grao e as súas as instalación. “Temos e tedes aquí un campus excelente”, destacoulle na benvida Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo.
Un dos campus “máis completos”
A xornada, que levou por título Coñece o campus de Ourense, arrancou no edificio Politécnico cunha benvida institucional e a presentación de cada escola e facultade a cargo do seu responsable nun acto presentado pola comunicadora e xornalista Lara Pérez. “Esta xornada organízase por primeira vez e estamos moi satisfeitos polo traballo feito pola Vicerreitoría e os decanatos e direccións de centro, polo que agardamos que no futuro se consolide como unha forma de atraer, cada vez máis e de máis calidade, alumnado para o noso magnífico campus de Ourense”, afirmou o reitor. Neste senso engadiu que “é fundamental que os centros educativos e alumnado da provincia o coñeza e saiban que poden estudar nel”.
O campus de Ourense, dixo Manuel Reigosa, “é un dos máis completos das universidades galegas porque ten titulacións dos cinco ámbitos de coñecementos e ademais é un campus moderno, que está moi ben ubicado na cidade, magnífico desde o punto de vista arquitectónico e por suposto é un campus que ten un nivel de calidade científica, técnica, humanística e xurídico-social elevadísima”. Así, detallou, “en moitas das titulacións estamos entre as 200/300 mellores do mundo e incluso nalgún eido de coñecemento entre as 75 mellores”. Por todo iso, o reitor recalcou que este campus “é un moi bo sitio para vir estudar unha carreira universitaria”.
Pola súa banda, Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, deulle aos centros “a benvida a esta a vosa casa, ao campus de Ourense e á Universidade de Vigo” salientando como “estamos encantados de tervos aquí e de que poidades coñecer o que vos podemos ofrecer”. A vicerreitora puxo en valor e agradeceu tanto a implicación na organización e desenvolvemento desta xornada dos servizos e centros do campus como a boa acollida por parte dos institutos e do alumnado participante. Por último, César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, sumouse a esta benvida subliñando que a universidade “é unha institución fundamental para a sociedade” que se encarga de transmitir coñecemento ás novas xeracións, como as presentes na xornada, e á sociedade, animando ao alumando asistente, “o futuro da nosa provincia”, a coñecer as oportunidades que ten no campus de Ourense.
Diferentes itinerarios
As e os decanos e directores dos nove centros do campus, oito propios e un adscrito, foron os encargados tras a benvida institucional de dar unha primeira pincelada das súas escolas e facultades, recalcando aspectos como a calidade da súa docencia, investigación e instalacións, o trato achegado que permite un campus “pequeno” e a empregabilidade dos seus títulos. Tal e como indicou o decano Julio Prada, as e os responsables académicos trataron de transmitir ás e aos rapaces presentes como “cremos no noso campus, nos nosos centros e nas nosas titulacións”.
Tras este arranque conxunto e divididos en grupos, as e os rapazas percorreron o campus para coñecer in situ cada un dos centros. O alumnado, segundo as preferencias manifestadas, participou nun itinerario centrado no ámbito xurídico-social, humanidades e artes ou nun itinerario centrado nas ciencias e enxeñarías. O primeiro destes itinerarios levounos ás facultades de Educación e Traballo Social, Historia, Ciencias Empresarias e Turismo, Dereito e Relacións Internacionais. O segundo permitiu ás e aos estudantes coñecer a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Facultade de Ciencias. En cada un destes centros, ademais de ver as instalacións e recibir información sobre as súas titulacións, rapazas e rapaces tiveron a oportunidade de participar en diferentes actividades divulgativas relacionadas coa área de coñecemento da facultades ou escola en cuestión. Así, visitaron laboratorios de enxeñaría agraria, ciencias ambientais e tecnoloxía dos alimentos pero tamén de arqueoloxía, prototipado ou aeronáutica e participaron en actividades como xogos populares e dinámicas de grupo. Ente visita e visita a cada edificio, as e os escolares tamén tiveron a oportunidade de ver as instalacións e servizos comúns do campus, como a súa zona deportiva ou biblioteca.
Á xornada, que contou coa colaboración da Deputación de Ourense e tamén de Aceites Abril e Cabreiroá, acudiron estudantes, principalmente de primeiro e segundo curso de Bacharelato aínda que tamén de cuarto de Educación Secundaria Obrigatoria, de once centros, nove da provincia de Ourense e dous da de Lugo. Concretamente participaron de Lugo o IES A Pinguela (Monforte de Lemos) e o IES de Quiroga (Quiroga) e da provincia de Ourense o IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia), o IES Manuel Chamoso Lamas (O Carballiño), o IES Xesús Taboada Chivite (Verín), o CPR Plurilingüe Miraflores (Pereiro de Aguiar), o CPR Plurilingüe Santa Teresa de Jesús (Ourense), o CPR Plurilingüe María Auxiliadora (Ourense), o CPR Seminario Menor Diocesano A Inmaculada (Ourense), o CPR Pablo VI Fátima (A Rúa) e o IES San Mamede (Maceda).