O venres 16 de febreiro o campus de Ourense acollerá unha nova edición, a sétima, da feira científica e divulgativa eXXperimenta en Feminino. A iniciativa une un amplo colectivo de persoal investigador da Facultade de Ciencias, a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Universitaria de Enfermaría co obxectivo de visibilizar o papel da muller no eido CTEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas) e atraer vocacións científicas a el, principalmente entre as nenas e rapazas.
Postos con experimentos
eXXperimenta en Feminino. VII Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas foi presentada este mércores no edificio Politécnico do campus, onde se celebrará a cita. Nesta edición conta co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense, dos centros do campus implicados, das unidades de Igualdade e Cultura Científica da UVigo e da Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta. A profesora Alma Gómez (Escola Superior de Enxeñaría Informática), coordinadora da actividade xunto a Julia Carballo (Facultade de Ciencias) e Nieves Lorenzo (Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo), foi a encargada de presentar esta nova edición de eXXperimenta en Feminino en nome do “extraordinario colectivo que apoia esta feira”. Nada en 2018, lembrou, a actividade organízase co gallo do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, e “o seu obxectivo principal é difundir e promover as vocacións científicas e tecnolóxicas no ámbito das ciencias, as tecnoloxías, as enxeñarías e as matemáticas” e “difundir entre nenas e nenos o papel que teñen as mulleres nestas disciplinas, que vexan que as mulleres fan e poden facer ciencia e tecnoloxía”.
A feira desenvolverase de 10.00 a 18.00 h no edificio Politécnico do campus e na súa contorna. Haberá 14 postos con actividades científicas de carácter visual e manipulativo nas que se expón a investigación realizada nas diferentes áreas CTEM do campus. En cada mesa farase, con liderado de mulleres, un ou varios experimentos coa participación do alumnado asistente. Pola mañá participarán máis de 300 estudantes de 5º e 6º de Primaria, ESO e 1º de Bacharelato procedentes de oito centros da provincia de Ourense e arredores. Xa pola tarde, a partir das 15.00 h, a feira estará aberta ao público en xeral que se queira achegar ao campus.
Na presentación da actividade, Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, destacou que “esta feira é unha actividade da que no campus de Ourense estamos moi orgullosos porque foi pioneira nos campus de Galicia”. Pola súa banda, Elena Rivo, conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, acompañada pola secretaria xeral de Igualdade, Sandra Vázquez, puxo en valor a traxectoria ascendente desta iniciativa e recalcou a importancia de fomentar “a incorporación das mulleres á carreira CTEM” e “visibilizar a presencia da muller na ciencia”.