París acolle desde este mércores e ata o venres 12 de maio a celebración da reunión do International Science Council (ISC), o Consello Internacional de Ciencias, considerado o “maior consorcio científico da historia” e que agrupa a máis de 220 organizacións co obxectivo de ser “una voz acreditada que defenda o valor da ciencia en todas as súas formas e en todo o mundo”. Entre os arredor de 300 delegados e delegadas convidados a participar está Humberto Michinel, físico e director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense.
O ISC, a maior organización científica internacional non gubernamental da súa natureza, coordina o Grupo Principal da Comunidade Científica e Tecnolóxica das Nacións Unidas e “opera a escala mundial para catalizar e congregar a pericia, a asesoría e a influencia científicas sobre cuestións de grande interese tanto para a ciencia como para a sociedade”, traballando na coordinación dunha ampla gama de proxectos, campañas especializadas, eventos e achegas científicas aos procesos multilaterais. O obxectivo da cita que se celebra en París, indican desde a súa organización, é que os arredor de 300 delegados e delegadas participantes, que “representan á comunidade científica mundial”, desde universidades a organización científicas, “discutan os problemas críticos que enfrenta a humanidade e o papel da ciencia na busca de solucións aos desafíos globais”.
Amosando a súa satisfacción por participar neste evento, Humberto Michinel explica que o tema da reunión é Capitalizando sinerxías en ciencia e nel discutiranse aspectos como mellorar a confianza na ciencia entre o público e os responsables políticos; a diversidade na ciencia; a diplomacia da ciencia e ciencia en tempos de crise e como incrementar o impacto global da ciencia para a transformación da sociedade cara a sostibilidade.