O colectivo eXXperimenta en Feminino, formado por un centenar de docentes da Facultade de Ciencias, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Escola Universitaria de Enfermaría da Universidade de Vigo, recibiu este mércores o XVI Premio Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades que outorga o Concello de Ourense. “É unha grande honra que se recoñeza que o traballo que realizamos fomenta a igualdade de xénero, como tamén o fixo, de forma sobresaínte, Clara Campoamor co logro do dereito ao voto para as mulleres”, salientaron na recollida do premio as súas promotoras, as profesoras Alma Gómez, Julia Carballo e Nieves Lorenzo.
O colectivo recibiu o galardón no Liceo de Ourense de mans do alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira de Igualdade, Eugenia Díaz Abella, e coa asistencia de membros da comunidade universitaria, entre eles Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, e membros de eXXperimenta en Feminino. No seu discurso de agradecemento, as profesoras comezaron dando as grazas ao Concello de Ourense, especialmente á Concellería de Igualdade, por outorgar este premio a todas as mulleres que forman parte de eXXperimenta en Feminino. “Para nós, constitúe un pulo excepcional a posta en valor do traballo das máis de cen mulleres que veñen colaborando cóbado con cóbado durante os cinco últimos anos tanto para realizar a feira do 11 de febreiro, Día da Muller e a Nena na Ciencia, como para pór en marcha as exposicións itinerantes”, apuntaron. Igualmente, trasladaron o seu agradecemento á Universidade de Vigo e en concreto á Vicerreitoría do Campus de Ourense, á Unidade de Igualdade e aos centros implicados, a Escola Universitaria de Enfermaría, a Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñería Informática.