Enténdese como avaliación por compensación (AC) o mecanismo polo que se avalía en conxunto a traxectoria académica e o labor realizado por unha ou un estudante ao final dos seus estudos para determinar se acadou os suficientes coñecementos e competencias que lle permitan obter a titulación académica á que opta, compensando materias que non teña superadas.
Requisitos para admitir a trámite as solicitudes
Poderá solicitar a avaliación por compensación o estudantado de Grao cando cumpran os seguintes requisitos:
- Que cando menos o 50% dos créditos da titulación foran cursados na Universidade de Vigo.
- Que resten para graduarse un máximo de dúas materias que non superen entrambas os 12 créditos, agás o TFG.
- Que o/a estudante esgotara na(s) materia(s) na(s) que solicita a AC cando menos catro oportunidades de avaliación nos tres últimos cursos, e terse presentado nalgunha das oportunidades dispoñibles no curso académico en que se solicite (agás que xa non teña a posibilidade de presentarse por estar matriculado/a nun plan de estudos en proceso de extinción).
- Que a cualificación obtida non fora inferior a 2 ou non avaliado en ningunha das catro oportunidades.
Limitacións da avaliación por compensación
- Non serán obxecto de compensación o traballo de fin de grao, as prácticas e o prácticum, nin materias do curso de adaptación ao grao (curso ponte).
- O número máximo de créditos que se poderá conceder por avaliación por compensación na vida académica do estudantado será de 12.
- Non se lle poderá conceder a AC a unha/un estudante que non estea matriculado na(s) materia(s) a compensar no momento de solicitar a AC, agás que a(s) materia(s) estea(n) totalmente extinguida(s).
- As materias compensadas non poderán ser obxecto de recoñecemento noutras titulacións da Universidade de Vigo, nin entre graos que formen parte de programas académicos de simultaneidade de dobres titulacións con itinerario específico (PCEO). Neste caso soamente se poderá solicitar a AC en materias dunha titulación que non teñan recoñecemento na outra titulación que forma parte do plan conxunto.
- Non se lle poderá conceder a AC a un/unha estudante ao/á que lle conste algunha sanción grave no seu expediente académico.
Criterios de resolución da avaliación por compensación
- Concederase de xeito automático o apto por compensación da(s) materia(s) solicitada(s) tras a constatación do cumprimento de todos os requisitos do artigo 49, das limitacións do artigo 50, e sempre que o/a estudante se encontre en polo menos un dos seguintes supostos:
- Que obtivese polo menos unha vez unha cualificación igual ou superior a 4 ou unha media superior a 3,5 entre as dúas mellores cualificacións na(s) materia(s) a compensar.
- Que a media do seu expediente sexa igual ou superior á nota media da súa titulación na última promoción con dereito a docencia.
- No caso de que o/a solicitante non se encontre en ningún destes supostos, pero reúna todos e cada un dos requisitos do artigo 49, a solicitude será admitida a trámite para que a valore a comisión de compensación.
- A comisión de compensación valorará a traxectoria académica global da/o solicitante e, en particular, na(s) materia(s) obxecto de compensación e nas materias afíns (se as houbese), e analizará canta información complementaria considere oportuna para garantir que o/a estudante acadase as competencias da titulación. A comisión poderá solicitarlle(s) ao(s)/á(s) docente(s) responsable(s) da(s) materia(s) un informe no cal consten as consideracións relativas a todas as actividades desenvolvidas polo/a estudante (traballos, exames, prácticas etc.).
- En ningún caso se lle poderán realizar probas de avaliación ao estudantado solicitante.
A solicitude de AC irá dirixida, por medio dunha instancia da/o estudante, ao órgano de dirección do centro de adscrición da materia. Esta poderá realizarse en cada período de avaliación desde a data de apertura de actas ata quince días hábiles despois do peche de entrega das mesmas.
Comisión da avaliación por compensación
Consulta a súa composición