Este ano a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense graduará a súa primeira promoción e polo tanto xa ten alumnado realizando os que serán os primeiros traballos fin de grao do centro. Entre eles, o estudante de cuarto curso desta escola Raúl Quibén escolleu, como destino para unha estadía de intercambio e para realizar un proxecto de investigación sobre estruturas espaciais de cara a este traballo, a Universidade de Tohoku, na cidade de Sendai, en Xapón.
“Buscando o ano pasado unha oportunidade para realizar unha estadía de intercambio internacional xurdiu dentro do Programa Ge4, de intercambio internacional para enxeñeiros, a oportunidade de realizar un cuadrimestre na Universidade de Tohoku. Nin o estaba a buscar nin era ningunha preferencia, simplemente apareceu por sorpresa entre toda as solicitudes que fixera”, comenta o estudante do Grao en Aeroespacial. Dado que “tiña moi claro que realmente quería facer un intercambio” e despois de informarse e “darlle moitas voltas”, apunta como decidiu “probar sorte co programa que propoñía a universidade nipoa”. A decisión, indica, tomouna “como un reto e apostando por vivir un contraste cultural máis forte, algo único e pouco habitual, atractivo tanto para a miña vida persoal como a profesional futura”. Ademais, engade, academicamente o feito de realizar un proxecto dentro dun laboratorio “dunha universidade de tal importancia e coas referencias que tiña dela, fixeron decantarme”.