A Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense convocan o VIII Concurso Escolar de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. O alumnado de terceiro a sexto de Educación Primaria e de Educación Secundaria Obrigatoria de centros educativos ourensáns pode presentar os seus traballos sobre a muller na ciencia e na enxeñaría ata o 22 de xaneiro de 2024.
Os obxectivos da iniciativa, que conta co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, son promover o coñecemento por parte do alumnado do papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e as súas achegas ao desenvolvemento humano ao longo da historia; establecer un certame que axude a visualizar este papel e chamar a atención do alumnado preuniversitario sobre a ciencia, a enxeñaría e a súa contorna. A actividade celébrase co gallo da conmemoración o 11 de febreiro do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.
Dúas modalidades
As modalidades para participar son dúas, podendo cada estudante participar exclusivamente nunha das modalidades cun único traballo, que deberá ser inédito e orixinal. En primeiro lugar, a modalidade visual está aberta a debuxos realizados con calquera material (lapis de cores, rotuladores, recortes para colaxe…) e recursos como o son, o vídeo ou a fotografía para crear obras ou propostas artísticas. En segundo lugar, na modalidade literaria pódense presentar manuscritos escritos a man ou a ordenador e que, en calquera caso, se enviarán en formato dixital ao enderezo da organización do concurso. A extensión máxima do traballo será de aproximadamente 900 palabras, o que equivale aproximadamente ás dúas caras dun folio de tamaño A4, e non levarán o nome da autora ou autor de forma visible. Non se poden presentar resumos do que xa está escrito en Internet. Os traballos poderán estar escritos en galego ou en castelán nos xéneros de poesía e narrativa (contos, relatos).
O tema común dos traballos serán os referentes femininos nas disciplinas CTEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), como enxeñeiras, oceanógrafas, informáticas, matemáticas, físicas, biólogas, vulcanólogas, químicas, inventoras. “Os traballos deben reflexar a visión do alumnado do papel das mulleres na ciencia con temas como os seguintes: que sabes dos descubrimentos das científicas pioneiras?, anímaste a debuxar unha científica?, inventoras e os seus inventos, anécdotas ou historias da túa contorna persoal: a miña avoa científica, a miña tía enxeñeira, axúdanos a descubrir as mulleres que deixaron a súa pegada na historia de ciencia e deixa voar a túa imaxinación e amósanos a visión feminina da ciencia”, sinalan desde a organización.
Na modalidade visual o xurado valorará “a calidade técnica, a orixinalidade, a creatividade e o tratamento da temática do concurso” e na literaria “o estilo, a capacidade de razoamento, a orixinalidade e o tratamento da temática do concurso”. Haberá tres premios por cada unha das categorías e das modalidades, que consistirá nunha calculadora científica Casio Women in Science, un libro e un diploma xustificativo do galardón. Os traballos premiados pasarán a ser propiedade da organización do certame e as autoras e autores cederán os dereitos de reprodución das súas obras.