Xestión sostible da auga, Ciencia e tecnoloxías de información cuántica, Enxeñaría aeronáutica e Fabricación aditiva. Estes son os catro novos títulos cos que a Universidade de Vigo amplía a súa oferta de mestrados para o curso 2023/2024. Son en total 64 titulacións: 41 adscritas a centros do campus de Vigo, 12 a Ourense, 9 a Pontevedra e 2 intercampus. Así se explicou este mércores na Xornada virtual de orientación sobre mestrados, unha actividade na que se contou coa participación dos coordinadores de cada un dos novos títulos, ademais de persoal do Servizo de Posgrao, que informou sobre os prazos de inscrición e matrícula, e da técnica de Captación de Alumnado, Ana Caamaño, que presentou a grandes liñas a oferta xeral.
Xestión sostible da auga: 10 prazas
Adscrito á Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e a inserido no catálogo Galicia 2030 de perfís profesionais de futuro, o novo Mestrado en Xestión sostible da auga -de carácter interuniversitario- vai dirixido, principalmente, a profesionais do ámbito da auga e persoas tituladas da rama de enxeñaría e de ciencias. “O plan de estudos ten un carácter holístico, tratando dunha forma global os aspectos principais vinculados coa xestión sostible da auga”, explicou a coordinadora, María Araújo, quen tamén recalcou que os contidos formativos están organizados en cinco módulos: Gobernanza e dereito da auga; Redes de auga urbana; Procesos innovadores para tratamento e potabilización de augas; Xestión dos recursos hídricos a nivel conca: presións e impactos, augas subterráneas, calidade da auga, etc., e Novas tecnoloxías para monitorización remota e tratamento de imaxes para xestión da auga e posibles usos da intelixencia artificial para a análise de datos no sector auga. “O módulo VI está reservado a para a realización de prácticas externas en entidades vinculadas co ámbito auga e á elaboración do TFM”, explicou a docente, quen aclarou que na UVigo se ofertan para este título, de ano e medio de duración -90 ECTS- un total de 10 prazas.
Ciencia e tecnoloxías de información cuántica: 8 prazas
No caso do Mestrado en Ciencia e tecnoloxías de información cuántica, o seu coordinador, o profesor Manuel Fernández Veiga, explicou que este novo título está pensado para dar unha formación de carácter científico sobre os fundamentos e as aplicacións na computación e nas comunicacións das tecnoloxías baseadas no procesamento cuántico da información. “Os contidos básicos van cubrir o formalismo da información e a computación cuántica; a tecnoloxía, programación e aplicacións dos computadores cuánticos; os dispositivos e sistemas de comunicacións baseados nos efectos cuánticos; a construción de instrumentos de medida a partir de fenómenos cuánticos; e tamén os usos da computación cuántica na resolución de problemas científicos, optimización, finanzas ou na intelixencia artificial”, subliñou o docente.
Adscrito á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, onde se van impartir as clases, o mestrado oferta oito prazas en cada unha das súas sedes. A duración é dun ano académico -60 ECTS-.
Enxeñaría Aeronáutica: 25 prazas
Dirixido específicamente aos graduados e graduadas en Enxeñaría Aeroespacial, o Máster en Enxeñaría Aeronáutica -pendente aínda da autorización final para pór en funcionameno o próximo ano, “autorización que se agarda que chegue nos vindeiros días”- é un dos sete mestrados da UVigo que dá acceso á profesión regulada. Exclusivo da UVigo, terá unha duración de dous anos -120 ECTS- e, tal e como explicou o coordinador, Higinio González, dotará ás persoas matriculadas de múltiples capacidades, entre elas, a de deseñar, construír, inspeccionar, certificar e manter todo tipo de aeronaves e vehículos espaciais, cos seus correspondentes subsistemas, así como planificar, proxectar e controlar os procesos construtivos de infraestruturas, edificios e instalacións aeroportuarias, xunto co o seu mantemento, conservación e explotación. “Estarán tamén preparados para a dirección xeral e xestión técnica de proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación, en empresas e centros de tecnoloxía aeronáutica e espacial”, resaltou o coordinador, quen lembrou que a oferta de prazas ascende a 25.
Fabricación aditiva: 10 prazas
Inserido tamén no catálogo Galicia 2030, o Máster en Fabricación aditiva “ten un carácter moi práctico e interdisciplinar”, tal e como explicou o seu coordinador, o profesor Antonio Collazo, quen subliñou o enfoque do título cara á enxeñaría asociada ao conxunto de tecnoloxías de fabricación aditiva, “un método de fabricación que permite personalizar moitísimo os produtos”.. Trátase, segundo se explicou durante a xornada, dun título cun alto impacto sobre dous dos catro sectores tractores galegos, o da automoción e o naval, e intégrase na estratexia de diversificación industrial, incorporando actividades de alta tecnoloxía en sectores emerxentes como o aeronáutico, a industria da saúde e novos materiais. “Os profesionais en fabricación aditiva son especialistas capaces de dirixir o ciclo de desenvolvemento dun produto, dende o seu deseño con programas gráficos de modelado 3D ata o seu prototipado e manufactura”.
Adscrito á Escola de Enxeñaría Industrial e de carácter interuniversitario -coa Universidade da Coruña-, este mestrado ten unha duración dun ano e a oferta na UVigo é de 10 prazas.
Inscricións do 3 ao 9 de xullo, agás no Máster en Profesorado
Respecto dos prazos de preinscrición e matrícula avanzouse que a preinscrición poderá levarse a cabo de xeito xeral do 1 ao 7 de xullo, á excepción do Mestrado en Profesorado en educación secundaria obrigatoria, cuxas persoas interesadas deben preinscribirse do 1 ao 11 de xuño. Unha vez publicadas as listaxes de persoas admitidas e resoltas as posibles reclamacións, abrirase un primeiro prazo oficial de matrícula do 28 ao 31 de xullo.