Este curso académico remata a súa formación no campus de Ourense a primeira promoción do Grao de Enxeñaría Aeroespacial, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da UVigo. Camiñando cara este fito, este venres cinco estudantes de cuarto e último curso desta titulación defenderon, de xeito telemático debido á covid-19, os seus traballos fin de grao (TFG), os primeiros deste centro. Neles as e os alumnos afondaron en temáticas diversas que abranguen desde a medición de deformacións de fuselaxes de aeronaves ata o deseño conceptual dun drone para explorar Titán.
Arno Formella, director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, salientou trala presentación dos traballos a satisfacción do centro por “conseguir que no plan previsto algúns estudantes acadasen rematar a carreira sen ningunha demora”, lembrando como “estes alumnos defenderon os seus traballos fin de grao na primeira oportunidade que tiveron”, tras aprobar as últimas materias este mes de xuño. En xullo, indicou,continuará a presentación de TFGs por parte desta primeira promoción. O director da escola quixo subliñar a calidade do expediente académico destes cinco estudantes e como a partir de agora “estes alumnos teñen o camiño aberto para o seu desenvolvemento profesional, dentro da industria, ampliando estudos, etc”. Arno Formella destacou asemade como este alumnado conseguiu rematar os seus estudos na primeira oportunidade que tivo a pesar da pandemia, apuntando como “o luns despois do peche do edificio, na escola xa traballábamos en remoto, cunha ferramenta de teledocencia, e logo xa cambiamos ao Campus Remoto da Universidade”.