O recinto feiral Expourense acolleu este xoves a celebración de Inspiro, o primeiro encontro interxeracional entre o tecido empresarial e os diferentes modelos formativos (universidade e centros de Formación Profesional) tanto de Galicia como do Norte de Portugal. Ao seu abeiro tamén se celebrou o Concurso de Proxectos Emprendedores Inspiro cuxo primeiro premio foi gañado por alumnado da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e o terceiro por alumnado da Escola Superior de Enxeñaría Informática, ambos do campus de Ourense. Non é esta a única cita divulgativa na que participa esta semana profesorado e alumnado de Aeronáutica, xa que este ano teñen un protagonismo destacado na feira científica Galiciencia, centrada nesta edición na temática aeroespacial.
Dous equipos da UVigo premiados en Inspiro
Inspiro, coorganizado entre a Fundación Expourense e a empresa ourensá Dixital Gou, reuniu a arredor de 200 asistentes e albergou este xoves pola tarde a exposición de traballos e a final do seu Concurso de Proxectos Emprendedores, no que participaron estudantes da Eurorrexión de graos universitarios, FP ou mestrado de centros como a Universidade de Vigo, o CIFP A Farixa e a Escola Superior de Tecnoloxía e Gestao de Lamego (Portugal). O obxectivo deste certame foi vincular o ensino co mundo empresarial de forma bidireccional, é dicir, que as empresas coñecesen os proxectos e investigacións que se realizan nos centros educativos para que poidan aplicalos á súa actividade e tamén que as empresas estimulen no alumnado a capacidade de crear proxectos cunha clara visión práctica que logre aumentar a produtividade e competitividade. O xurado estivo composto tanto por representantes da Universidade de Vigo como empresariado do sector vinculados á innovación, a formación e o emprendemento. A entrega de premios estivo presentada polo director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, e nela participaron o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o tenente alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea, e a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, Marisol Novoa.
O proxecto gañador do Concurso de Proxectos Emprendedores Inspiro foi Luxsit. Espectáculo de luces con enxame de drons, de Gabriel Alejandro Pérez, Lucas Hermida e Santiago Alberto Corrales, alumnos do Grao de Enxeñaría Aeroespacial da Universidade de Vigo. O premio está dotado con 500 euros e unha mentorización a cargo da empresa Big Formación. Luxsit propón un espectáculos de luces con drones como alternativa aos fogos artificiais. “Combinamos a nosa experiencia en tecnoloxía, enxeñaría e produción de eventos para crear un produto único no mercado dos espectáculos en vivo. A tecnoloxía de drons de Luxsit permite a creación de patróns de luz dinámicos e complexos no aire, cunha precisión milimétrica. Isto crea unha experiencia visual impactante e única para o público. Ademais, o uso de drons elimina a necesidade de torres de iluminación custosas e a loxística asociada coa súa montaxe e desmonte”, explicaron os creadores da idea.
O segundo premio foi para o proxecto Master of Secular Crafts creado por dúas alumnas, Laura Bernardo e Gisela Santos, da Escola Superior de Tecnologia e Gestao de Lamego, en Portugal. Trátase dun proxecto turísticos que inclúe aloxamento e a convivencia e aprendizaxe con artesáns do liño ou do barro, entre outros. Está dotado con 350 euros e unha mentorización a cargo da empresa Mao Consulting. O terceiro premio foi para outro proxecto nado na UVigo. Trátase de Certychain, creado polos alumnos Alejandro Rial, Sara Chao, Manuel Mateo Delgado e Nicolás Cao, alumnos da Escola Superior de Enxeñaría Informática. “Este proxecto está enfocado no desenvolvemento dunha aplicación descentralizada na rede Ethereum (a máis segura e grande). Esta aplicación utilizará a tecnoloxía dos smart contracts de Ethereum para crear un sistema de certificación descentralizado e seguro que permitirá aos usuarios verificar a autenticidade dos documentos en tempo real”, explicaron os creadores da idea. Este premio está dotado con 250 euros e unha mentorización a cargo de Dixital Gou.
Participación en Galiciencia
Tamén fóra do campus, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo participa este mércores, xoves e venres na celebración de Galiciencia, considerada a maior feira científica galega. Está promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia Tecnópole e conta coa colaboración coa Consellería de Economía, Industria e Innovación e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología-Ministerio de Ciencia e Innovación. A cita busca achegar a ciencia ao alumnado de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Esta 18ª edición ten como temática Aeronáutica e Aeroespacial e a Universidade de Vigo colabora nela a través da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais, situados no campus de Ourense. O centro achega varios membros do xurado encargado de elixir os proxectos gañadores desta edición e conta cun stand propio no que profesorado e alumnado do centro vai amosar aos participantes en Galiciencia como funcionan os drons, a propulsión de foguetes, o desenvolvemento de minisatélites, etc.