A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense celebrou este xoves unha nova sesión do seu Foro Aero. Nesta ocasión, o alumnado do centro tivo a oportunidade de achegarse ao estado da arte no eido da simulación, concretamente da simulación de fluídos, e o traballo que nela realizan na University of Manchester. Foi grazas a unha conferencia de Benedict D. Rogers, da School of Mechanical, Aerospace and Civil Engineering desa institución académica. Durante a súas intervención, que tivo lugar do edificio Politécnico, as e os asistentes puideron coñecer a importancia que ten a simulación do comportamento dun fluído para múltiples aspectos, como a previsión ante posibles inundacións, o estado de desenvolvemento tecnolóxico actual neste eido e os retos que teñen as e os investigadores nel.