Co obxectivo de achegar ao seu alumnado a realidade do sector, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense desenvolve cada curso académico un ciclo de conferencias chamado Foro Aero. Este venres o centro celebrou unha nova edición desta iniciativa que tivo como obxectivo coñecer o traballo que se realiza no sector aeronáutico da man dunha empresa destaca nel como é Coasa.
A sesión contou coa participación de Yago Fontán, director xerente de Compoñentes Aeronáuticos de Coasa, e Ricardo Escolano, xefe de Enxeñaría de Produción da mesma empresa. Durante a súa intervención Yago Fontán, falou sobre o presente e futuro do sector aeronáutico, da evolución do mercado, dos factores claves para entender o seu auxe, do perfil de profesionais que demanda e do papel que xoga Coasa neste escenario. Así, explicou como “claramente hai un crecemento sostido do sector desde hai xa 20 ou 30 anos. A pesar das crises a nivel mundial o sector seguiu medrando dun xeito continuado a un ritmo do 4%. Loxicamente veuse afectado pola crise pero con resilencia seguiu cara adiante”. Na evolución do sector, o relator apuntou como algúns dos factores clave foron a incorporación dos composites nos avións e a revolución que supuxo a transferencia de competencias dos fabricantes de avións cara a cadea de subministro, “achegando máis valor ao sector”.