Un equipo científico internacional formado por investigadores da Universidade de Vigo e do Instituto de Astrofísica de Andalucía (IAA-CSIC), do EAWAG da Escola Politécnica Federal de Zúrich e da Universidade de Ciencias Aplicadas de Zúrich, vén de propor unha teoría que apoia a hipótese de que o pequeno efecto de marea dos planetas podería influír na actividade magnética do Sol. A súa explicación baséase na resonancia estocástica, fenómeno que “baixo certas condicións, pode amplificar sinais débiles, na súa maioría periódicos, ata o punto de que produzan consecuencias significativas”. A proposta foi publicada este mércores na revista de alto impacto Astrophysical Journal Letters nun artigo titulado Can Stochastic Resonance explain Recurrence of Grand Minima? e asinado por Carlo Albert, Antonio Ferriz Mas, Filippo Gaia e Simone Ulzega.
Segundo explican os investigadores responsables, en 2012, nun traballo no que tamén participou o investigador Antonio Ferriz, publicouse a hipótese de que os planetas poderían influír no Sol: reconstruíuse a actividade magnética solar durante o últimos dez mil anos analizando a concentración dos isótopos cosmoxénicos berilio-10 e carbono-14 en testemuños de xeos da Antártida e Groenlandia e comparouse co movemento dos planetas ao redor do Sol. “Acháronse coincidencias que suxerían un vínculo, un resultado oposto á convicción xeneralizada de que a influencia dos planetas sobre o Sol resulta insignificante”, sinalan. No artigo publicado agora ofrécese unha explicación teórica de como podería ocorrer, un novo modelo que, de confirmarse, permitirá predicir con máis precisión os fenómenos solares, segundo indica o equipo investigador.
O mecanismo de resonancia estocástica, comentan os autores do artigo, foi proposto en 1981 por Roberto Benzi e colaboradores para explicar a alternancia entre os períodos glaciais e interglaciais terrestres como consecuencia da variación dos parámetros orbitais da Terra (o que se coñece como “teoría de Milankovitch”), e está relacionado co concepto de biestabilidade. O Sol, detallan, presenta un ciclo de once anos, ao longo do que a súa actividade magnética (que se manifesta en forma de manchas, explosións e execcións de materia ao espazo interplanetario) oscila desde un mínimo ata un máximo. Pero hai outros ciclos de períodos máis longos. Segundo indica Carlo Albert, investigador do EAWAG (ETH de Zúrich), que participa no traballo, “puidemos demostrar que o Sol ten dous estados de actividade estables: un estado activo con grande amplitude e alta actividade solar, e un estado máis tranquilo cunha pequena amplitude e menor actividade solar”. Trataríase dun sistema biestable: supoñemos que o Sol salta entre estes dous estados debido ás turbulencias no seu interior”. E, dado que a turbulencia ocorre aleatoriamente, sinala, esperaríase que estes cambios ocorresen de maneira completamente irregular e impredicible.