A UVigo celebra a toma de posesión de preto dun cento de docentes catedráticos e titulares

Tremendamente orgullosas e orgullosos de telo conseguido. Preto dun cento de docentes participaron este luns no acto de toma de posesión do persoal docente e investigador que ao longo do ano pasado acadaron a praza de catedrático/a ou profesor/a titular. Foi nun acto organizado pola institución académica viguesa “con todo o noso agarimo”, tal e como lles subliñou o reitor Manuel Reigosa, quen foi o encargado de irlle colocando, un a un, cadansúa insignia da institución tras ser chamados pola secretaria xeral, Mª José Bravo Bosch. “A Universidade está moi orgullosa de todos vós e vivimos convosco os vosos éxitos, de aí a organización deste acto simbólico”, apuntoulles a vicerreitora de Organización Académica e Profesorado, Patricia Valcárcel, que foi a encargada de abrir o acto.

Celebrado no paraninfo do edificio Ernestina Otero, estaban chamados a este acto 48 novos catedráticos e catedráticas -31 homes e 17 mulleres- e 45 novos docentes titulares -25 mulleres e 20 homes-. Como acostuma a ser habitual, no caso do corpo de catedráticos, a porcentaxe de homes é notablemente superior á de mulleres -64,5% fronte a un 35,4%- mentres que no caso dos docentes titulares a cota feminina é xa superior á masculina -55% fronte ao 44%-, polo que se agarda que, de cara a futuros actos de toma de posesión as porcentaxes vaian estando cada vez máis igualadas en ambas categorías. “Este é o final dunha etapa moi longa, para algúns unha etapa intermedia, mentres que outros chegades xa ao máximo que se pode aspirar na vida académica”, subliñoulles o reitor, quen lles deu os parabéns, “por unhas carreiras docentes brillantes” e retou aos docentes titulares  a acadar na maior brevidade a acreditación como catedráticos, algo que garantiu se seguirá a promover desde o seu equipo de goberno “sempre en función dos méritos e da antigüidade nas acreditacións”.

A visión das novas e novos catedráticos… 

“Sabía que o mundo da universidade era unha carreira de fondo onde non sempre se ten un final feliz, pero poder traballar no que a un lle apaixona cura todos os desabores”. Así de rotunda se amosaba a directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo Nieves Lorenzo, tras asinar a súa acreditación como catedrática. Admite que neste longo camiño houbo “bos e malos momentos” , pero afortunadamente atopou “bos compañeiros na miña viaxe”. Arrancou a súa traxectoria investigadora no ano 1995 no grupo de Física Non Lineal da Universidade de Santiago de Compostela para facer alí a súa tese de doutoramento. Fíxoo a pesares de que non tiña ningunha bolsa de investigación “nin certeza algunha de tela no futuro”, pero o mundo da investigación xa lle atraía. “Acadar a acreditación de catedrática é a maior recompensa a todo o traballo feito durante estes anos, que honestamente nunca pensei que chegaría acadar. Pode soar un pouco soberbio, pero estou realmente orgullosa de telo conseguido”. 

No caso do catedrático Antonio Chas, director do Departamento de Literatura española e Teoría da Literatura, lémbrase nesta data de quen “dun ou outro xeito colaborou a que hoxe estea aquí, tanto académica como persoalmente (e son moitas persoas), pero especialmente daquelas que xa non chegaron a poder compartir comigo este momento”.  Recoñece que, como na vida, “o camiño non sempre é doado, senón que hai altos e baixos, pero, como sempre lle digo á xente que traballa comigo, o máis importante é perseverar sen deixar de traballar”.

… e dos novos docentes titulares

Para Beatriz Legerén, que asinou a praza como profesora titular do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade, este acto tivo un sabor especial. No seu caso durante máis de 20 anos dirixiu a primeira axencia interactiva de Galicia, Interacción, onde se deseñaron e desenvolveron os primeiros proxectos de videoxogos da comunidade galega, polo que a súa chegada á Universidade foi tardía. “Ao provir da industria os esforzos e sacrificios que tiven que facer foron aínda maiores”, explica a docente, quen admite que, “si ben estaba afeita a traballar duro para sacar adiante a empresa que dirixía”, a chegada a academia “foi complexa, aínda que gratificante” e, a día de hoxe, non entendería a súa vida sen a parte académica. “O que máis me motivou sempre é a interacción cos estudantes, o meu labor é ensinar, pero a cambio aprendo moito de cada un dos cursos”.

No caso de Juan Galindo, do Departamento de Bioquímica, xenética e inmunoloxía, a praza de profesor titular chégalle tras máis de 20 anos de incertezas. Chegou á UVigo no 2001 como estudante de doutoramento no grupo de Xenética de Poboacións e Citoxenética e no 2007 incorporouse como estudante de posdoutoramento á Universidade de Sheffield, en Inglaterra. A partir de aí enlazou múltiples contratos ata que no 2019 conseguiu un proxecto JIN (Jóvenes investigadores sin vinculación o con vinculación temporal) do ministerio. “Eu xa estaba fóra do sistema, e xa tiña preparado un plan B fóra da Universidade, pero o proxecto JIN abriume as portas para o meu actual contrato de Retención de talento na UVigo”, explica o docente, quen admite que entrar neste programa “foi fundamental” para a súa carreira docente e investigadora. Entre outras cousas, permitiulle solicitar financiamento como investigador principal e conseguir un proxecto do programa de Consolidación Investigadora, outro do programa de Xeración do Coñecemento e, finalmente, un da Rede de Parques Nacionais.

1600 persoas conforman o cadro de PDI 

Na actualidade, o cadro de persoal docente e investigador da Universidade de Vigo está composto por 1600 traballadores, sendo o colectivo máis numerosos o de docentes titulares, categorías que ostentan 547 persoas nos tres campus. Con estas novas incorporacións, o corpo de persoal catedrático queda conformado por 275 persoas, sendo así a segunda categoría máis numerosa. O profesorado asociado é o terceiro colectivo por tamaño, formado por 195 persoas, mentres que o persoal contratado doutor, con 158, é o cuarto grupo en número.

Na cifra global están tamén incluídos 99 axudantes doutores, 36 investigadores da convocatoria Ramón y Cajal, outros 23 da Margarita Salas, etc. A maiores habería que sumar o persoal contratado interino, persoal en formación predoutoral, etc
 

Ler a noticia completa no DUVI