O VIII Concurso Escolar de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia xa ten gañadoras e gañadores: 12 rapazas e rapaces de cinco centros educativos da provincia. O certame estivo convocado pola Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.
Os obxectivos da iniciativa, celebrada co gallo da conmemoración o 11 de febreiro do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, son promover o coñecemento por parte do alumnado preuniversitario do papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e as súas achegas ao desenvolvemento humano ao longo da historia; axudar a visualizar este papel e chamar a atención destes estudantes sobre o eido CTEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas). Nesta edición, comentan desde a organización do certame, presentáronse 130 traballos literarios e visuais realizados por escolares de Primaria e Secundaria, salientando o feito de que alén desta cifra, o concurso ten conseguido unha vez máis “que nos colexios se falase da muller na ciencia e que moitos escolares descubriran a grandes científicas”.
Ourense, A Rúa, Allariz e Verín
Na categoría de Educación Secundaria Obrigatoria, na modalidade visual o primeiro premio foi para Eva Sandín (Colexio Padre Feijoo-Zorelle, Ourense); o segundo para Carla Rodríguez (Colexio Santo Ángel, Ourense) e o terceiro para Marta Rivero (IES Castro Baroncelli, Verín). Na modalidade literaria o primeiro premio foi para Alejandro López (Colexio Padre Feijoo-Zorelle); o segundo para Adrián Andrés Vercher (Colexio Pablo VI, A Rúa) e o terceiro para Sara Feijóo (IES Allariz). En Educación Primaria, na modalidade visual os galardóns foron para tres estudantes tamén do Colexio Padre Feijoo-Zorelle, concretamente para Alexandra González (primeiro premio); Yanira Fernández (segundo) e Naiara Becker (terceiro). Do mesmo xeito, na modalidade literaria recaeron en tres estudantes do Colexio Pablo VI: Celia Daga (primeiro premio); Izan Fernandes (segundo) e Noemí Prieto (terceiro).
Nos seus textos literarios, debuxos e vídeos, rapazas e rapaces abordaron desde a figura de coñecidas científicas actuais e históricas, como Hipatia e Jane Goodall, ata a importancia de que as nenas desenvolvan as súas vocacións científicas. Os galardóns serán entregado nun acto que se celebrará o día 16 de febreiro, ás 17.00, no salón de actos Marie Curie do edificio Politécnico do campus. Será no marco da feira científica e divulgativa eXXperimenta en Feminino, que contará coa asistencia de máis de 300 escolares da provincia e contorna.