Con motivo da celebración o 12 de abril do Día Internacional dos Voos Espaciais Tripulados e o Día da Cosmonáutica, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense convoca a segunda edición do seu concurso de fotografía AeroVision 2024. Nel premiaranse as mellores imaxes do ámbito aeronáutico e/ou espacial presentadas.
Este certame ten como obxectivo visibilizar a ciencia e a tecnoloxía espacial á sociedade. As imaxes que se presenten teñen que ser orixinais e deberán amosar situacións, paisaxes ou circunstancias relacionadas co ámbito aeronáutico e/ou espacial. Poden presentarse obras en branco e negro e en cor, realizadas mediante calquera técnica fotográfica. Admitirase unha obra orixinal por persoa, tendo que ser esta orixinal e inédita e non ter sido presentada con anterioridade noutros concursos, webs ou calquera outro medio dixital ou impreso. A data límite de recepción de fotos, cuxo envío se realizará vía electrónica coas características indicadas pola organización nas bases do certame, é o 20 de marzo de 2024 ás 23:59 h.
Tres premios
As obras gañadoras serán elixidas por un xurado formado por representantes do sector aeronáutico e/ou espacial e da fotografía e unha persoa do equipo directivo da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo de Ourense e daranse a coñecer o propio 12 de abril. A entrega de premios coincidirá co acto de graduación da quinta promoción do Grao de Enxeñaría Aeroespacial que terá lugar o 7 de xuño. As fotografías premiadas exporanse temporalmente en instalacións do campus de Ourense.
Os premios do concurso son tres. O primeiro está dotado cun dron, o segundo cun telescopio e o terceiro cuns prismáticos. As fotografías presentadas pasarán a ser propiedade exclusiva da escola organizadora, non podendo ser utilizadas polo autor ou autora noutros concursos ou publicacións e podendo a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo facer o uso que considere oportuno das mesmas, facendo referencia á súa autoría.