A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense renova a súa dirección. Tras rematar Humberto Michinel o seu mandato de tres anos á súa fronte, este luns celebrouse a votación da xunta de centro. A única candidatura presentada ás eleccións, a da catedrática de Física da Terra Nieves Lorenzo, acadou 22 a favor, dous en contra e dous en branco.
A nova dirección a escola complétase co profesorado do centro Diego Carou (subdirector Académico); Carlos Ulloa (subdirector de Calidade) e Begoña Cid (secretaria). “Creo que é un bo equipo, un equipo de consenso, no que están representadas varias áreas de coñecemento que teñen un papel importante na docencia na nosa escola”, comenta a nosa responsable académica. Nieves Lorenzo é licenciada e doutora europea en Física pola Universidade de Santiago de Compostela e foi ata o de agora secretaria da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Membro do Environmental Physics Laboratory (EPhysLab), o seu traballo investigador céntrase na influencia do cambio climático nos diferentes ámbitos da sociedade, incluído a aeronáutica. Na súa traxectoria destaca o traballo activo no fomento da incorporación da perspectiva de xénero á docencia e na visibilización das mulleres nas disciplinas STEM, sendo unha das promotoras desde as súas orixes do grupo de eXXperimenta en Feminino.
Retos para o novo mandato
Á hora de asumir a dirección da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, a docente pon en valor o traballo realizado polas anteriores direccións do centro que, subliña, “tiveron un traballo duro pero teñen conseguido importantes logros”, apuntando como durante estes anos acadouse “consolidar o Grao de Enxeñaría Aeroespacial como un dos máis solicitados da Universidade e implantar en exclusiva o mestrado habilitante”. Isto, recalca, “dános os cimentos para seguir traballando para que a escola siga medrando e se converta nun referente non só entre as titulacións da UVigo senón dentro de todo o sistema universitario galego”. Sobre a idea de presentarse, a nova responsable académica sinala que “pareceume unha oportunidade interesante para dar unha maior visibilización á enxeñaría aeronáutica desde unha perspectiva feminina”. Ademais, engade, “nestes momentos todo o tecido industrial que se está tecendo arredor do Polo Aeroespacial necesita de persoal que leve a cabo os retos que se nos presentan neste sector de cara ao futuro. De aí a importancia de que desde a universidade traballemos para espertar vocacións científico-tecnolóxicas entre o alumnado galego e que eles e elas nos vexan como unha boa opción para a súa formación”.
Sobre o mandato que se abre agora, Nieves Lorenzo apunta que “buscamos unha escola autónoma e paritaria” e “o maior diálogo e comunicación posible entre todos os sectores que conforman o noso centro”. Entre os maiores retos para esta etapa sitúa consolidar o mestrado habilitante en Enxeñaría Aeronáutica que comezou este curso académico, “para que se converta, do mesmo xeito que o fixo o Grao de Enxeñaría Aeroespacial, nun referente dentro das titulacións ofertadas”, e ter canto antes o novo edificio que se construirá para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Ademais, engade, “traballaremos para que a escola sexa un referente onde o sector aeroespacial atope o persoal que necesita” e “trataremos de impulsar a relación co sector industrial, dinamizando e favorecendo o plan de carreira profesional do noso alumnado”.