Desde este martes e ata o xoves, Allariz acolle a primeira asemblea xeral presencial do proxecto europeo Storcito. Liderado pola Universidade de Vigo e con case 4,9 millóns de euros de orzamento, a iniciativa reúne a once socios de cinco países co obxectivo de fomentar a innovación multidisciplinar en ámbitos chave das zonas rurais europeas: a xestión sostible dos recursos e prevención de incendios forestais, a transición a sistemas enerxéticos sostibles e a consecución dunha mobilidade sostible, inclusiva e climaticamente neutra.
A xuntanza en Allariz, que ten lugar no Eurostars Vila de Allariz Hotel & Balneario, reúne a unha trintena de persoas procedentes das entidades implicadas en Alemaña, Países Baixos, Grecia e Noruega, ademais de Galicia. Tras arrancar en maio a súa actividade, os responsables do proxecto sinalan que durante estes primeiros meses o seu traballo centrouse no desenvolvemento da xestión tanto dos paquetes de traballo como do proxecto no seu conxunto, sendo agora o obxectivo desta asemblea “asentar as bases dos casos de estudo do proxecto e comezar a desenvolver e aplicar a metodoloxía de traballo neles”.
Este mércores a astrofísica viguesa Begoña Vila, enxeñeira principal de Sistemas no Centro Espacial Goddard da NASA, foi investida no campus de Ourense como a 31ª doutora honoris causa da Universidade de Vigo en recoñecemento á súa contribución á exploración do universo. Aproveitando a súa estadía en Ourense, este xoves ofreceu ao alumnado da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e ás persoas interesadas a conferencia Observando o Universo con telescopios espaciais. Nela falou en detalle dos telescopios James Webb e Nancy Grace e das súas achegas ao coñecemento do espazo.
En 2006, Begoña Vila incorporouse ao proxecto do Telescopio Espacial James Webb da NASA, contratada pola Axencia Espacial Canadense e en 2013 pasou a ser contratada directamente pola NASA, converténdose en enxeñeira principal de Sistemas no Centro Espacial Goddard, encargada de dous dos instrumentos do citado telescopio. Foi ademais a directora encargada da proba crioxénica final de todos os instrumentos deste telescopio en Goddard. O telescopio James Webb engloba a máis dun millar de persoas e manexa un orzamento por riba dos 9500 millóns de euros, sendo o máis grande e máis complexo dos lanzados ata o momento.
A astrofísica viguesa Begoña Vila, enxeñeira principal de Sistemas no Centro Espacial Goddard da NASA, é desde este mércores a 31ª doutora honoris causa da Universidade de Vigo. Ela recibiu este mércores o máis alto galardón académico en recoñecemento a un traballo que “permitirá que a sociedade enteira poida coñecer con ollos novos o marabilloso que é o noso Universo”.
O acto solemne de investidura tivo lugar na sala Marie Curie do edificio Politécnico do campus de Ourense, presidido por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo. A el asistiron membros do equipo de goberno, como os vicerreitores e vicerreitoras Francisco Javier Rodríguez, Belén Rubio, Mónica Valderrama, Natalia Caparri e Alfonso Lago, e a secretaria xeral María José Bravo; membros da comunidade universitaria e autoridades. Aprobado por unanimidade do Consello de Goberno da UVigo, o nomeamento de Begoña Vila foi proposto polo Departamento de Física Aplicada, sendo a madriña da nova honoris a profesora Nieves Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da UVigo. No acto, impúxoselle a Begoña Vila, como símbolo do honor recibido, o barrete venerado distintivo de alto maxisterio, o libro da ciencia e sabedoría, o anel que se entregaba na antigüidade nesta cerimonia, as luvas brancas e unha medalla da Universidade de Vigo.
Do 20 ao 23 de outubro celébrase en Escocia o 6º Parlamento Rural Europeo, punto de encontro “para reforzar a cooperación transfronteiriza, compartir coñecementos e definir novas políticas e prácticas que impulsen o futuro do medio rural europeo”. A cita conta coa participación da Universidade de Vigo coa presentación dos proxectos internacionais comprometidos co desenvolvemento do rural Granular e Storcito, a cargo do Grupo HC1, da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense.
O Parlamento Rural Europeo, indican desde o grupo de investigación da UVigo, “é unha asemblea democrática participativa de carácter bienal que reúne máis de 400 delegadas e delegados de 43 países, representando milleiros de líderes comunitarios, emprendedores, académicos e responsables políticos”. Durante as súas sesións, presentaron o traballo desenvolvido no marco de Granular, proxecto financiado pola Unión Europea que “crea novas ferramentas de análise e participación para deseñar políticas públicas máis xustas e adaptadas ás realidades locais”. A participación na UVigo neste proxecto está liderada desde o grupo HC1 pola profesora María Isabel Doval, e preséntase en Escocia tamén cos alcaldes de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez, e de Larouco, Patricia Lamela, concellos ourensáns que participan nesta iniciativa.
- O proxecto Galdrón traballa no emprego de drons na gandaría extensiva galega
- A astrofísica viguesa Begoña Vila será investida doutora honoris causa da Universidade de Vigo o 29 de outubro
- Aeronáutica, Informática e Ciencias amosan a escolares como a exploración espacial acaba impactando na vida cotiá
- Un centenar de estudantes preuniversitarios participarán este venres nunha xornada divulgativa sobre a exploración espacial