O venres 20 de febreiro o campus de Ourense celebra unha nova edición, a novena, da súa gran cita anual coa divulgación científica e co fomento da igualdade no eido CTEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas). Trátase da feira eXXperimenta en Feminino, que cada ano mobiliza un amplo colectivo de persoal docente e investigador da UVigo, principalmente mulleres, co obxectivo de contribuír a rachar dous teitos de cristal neste eido: a falta de referentes femininos científicos na sociedade e a desproporción entre homes e mulleres nas carreiras científico-tecnolóxicas.
A feira, que se desenvolve no edificio Politécnico, organízase co gallo do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, e nela participa arredor de 150 investigadoras e investigadores, maioritariamente mulleres, da Facultade de Ciencias, da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Ademais conta co apoio de, ademais dos centros implicados, do Campus Auga; das unidades de Cultura Científica e de Igualdade da UVigo e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Pola mañá estará aberta aos centros educativos que reservaron praza (14 grupos de estudantado preuniversitario de Ourense cidade, Xinzo de Limia, Bande e Allariz) e a partir das 14.00 h ao público en xeral, xa con entrada libre.
O campus de Ourense acolleu este xoves a conferencia Illa de calor e incendios: unha aproximación dende a teledetección, ofrecida por José Sobrino, catedrático de Física da Terra da Universidade de Valencia, experto en teledetección e líder da fase de consolidación da misión térmica SIRIUS da Axencia Espacial Europea (ESA). O acto estivo organizado polo Instituto de Investigación en Física, Computación e Ciencia Aeroespacial e o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da UVigo, co apoio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, a Facultade de Ciencias e o Campus Auga.
De orixe galega, José Sobrino abordou a temática da conferencia a partir da experiencia nela de 40 anos do seu grupo de investigación na Universidade de Valencia, onde actualmente é director da Unidade de Cambio Global. Así falou de traballos feitos arredor da detección de incendios, sobre todo da súa extensión e severidade e da evolucion das zonas afectadas, como foi no caso dos incendios acontecidos en Ourense no mes de agosto. Igualmente explicou ao alumnado e persoal docente e investigador presente o uso da teledetección en illas de calor, é dicir ao feito de que “a temperatura na cidade, durante a noite fundamentalmente, é maior que na zona dos arredores, xa que os materiais que configuran a cidade feitos polo home, como o cemento, o asfalto, etc. absorben calor de día e libérano durante a noite, o que e fai que aumente esa temperatura”. Con datos de satélite, indicou, “pódense detectar eses graos de variación entre a zona urbana e os arredores”. Neste punto o convidado explicou que “presentamos un proxecto á Axencia Espacial Europea, unha misión científica que ten como obxectivo o estudo do efecto illa de calor co lanzamento dun satélite puramente destinado a iso”. O satélite chámase SIRIUS e “é unha fase de consolidación, despois de oito meses traballando no proxecto presentamos hoxe mesmo o informe final e en marzo defenderémolo na ESA xunto a outros proxectos, dos que se elixirán dous para lanzar ao espazo”.
A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense ten convocada a cuarta edición do seu certame de fotografía AeroVision. Nel convídase ás persoas interesadas a presentar as súas mellores imaxes no ámbito aeronáutico e/ou espacial. A iniciativa celébrase co gallo da conmemoración do Día Internacional dos Voos Espaciais Tripulados e do Día da Cosmonáutica o 12 de abril.
Cada persoa pode participar cun máximo dunha obra, tendo que ser orixinal e inédita e non presentada con anterioridade noutros concursos, webs ou calquera outro medio dixital ou impreso. As imaxes deben amosar situacións, paisaxes ou circunstancias relacionadas co ámbito aeronáutico e/ou aeroespacial. Admítense obras en branco e negro e en cor realizadas mediante calquera técnica fotográfica. As propostas teñen que enviarse ao enderezo electrónico
Coincidindo co arranque do ano, o campus de Ourense celebra este martes e mércores unha nova edición das súas xornadas de portas abertas destinadas ao alumnado preuniversitario. Nesta ocasión son arredor de 535 rapazas e rapaces de Bacharelato, procedentes de nove centros educativos da provincia e a contorna, os que teñen a oportunidade de pasar unha mañá coñecendo de primeira man as diferentes escolas e facultades, as instalacións universitarias e as posibilidades de futuro que teñen neste campus se deciden estudar nel unha titulación.
Concretamente, este martes foron 285 as e os estudantes preuniversitarios que asistiron á actividade, procedentes do IES Lagoa de Antela (Xinzo de Limia), IES de Allariz, CPR Seminario Menor Diocesano A Inmaculada, IES Celanova Celso Emilio Ferreiro e IES Plurilingüe Pintor Colmeiro (Silleda). O mércores será a quenda de 250 rapazas e rapaces do IES Xesús Taboada Chivite (Verín), IES Carlos Casares (Viana do Bolo), CPR Plurilingüe Santa Teresa de Jesús e IES Eduardo Blanco Amor de Ourense. Estas sesións dan continuidade ás celebradas en decembro e nas que participaron máis de 200 alumnos e alumnas.
- O concurso escolar sobre muller e ciencia do campus celebra a súa décima edición
- Arrancan en Ourense as xornadas de portas abertas para o alumnado preuniversitario
- Un cómic e cinco vídeos para visibilizar o talento feminino no ámbito aeroespacial
- Un estudo "dá voz" ás reivindicacións das persoas que viven, traballan e xestionan o territorio en zonas de alto risco de incendio forestal en Galicia