A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense e a delegación en Galicia da Ellas Vuelan Alto, entidade que fomenta a igualdade no sector aeroespacial, organizaron este venres a mesa redonda Retos espaciais desde a innovación e a ciencia. Nela, representantes de diferentes entidades que forman parte do ecosistema espacial dialogaron sobre como “Galicia, España e Europa afrontan os desafíos dun sector espacial cada vez máis competitivo e tecnolóxico”.
A xornada arrancou cunha benvida a cargo de Silvia Vela, directora legal e de expansión de EVA e responsable da delegación en Galicia desta entidade, que puxo en valor a relevancia da temática abordada nesta sesión. Seguiulle a apertura a cargo de Eva D. Castro, presidenta de ONU Mujeres España, que destacou, entre outros aspectos, a importancia de fomentar a participación das mulleres tamén no sector espacial, apuntando que “non hai innovación sen igualdade nin futuro máis sostible sen xustiza”.
Case 400 rapazas e rapaces da provincia de Ourense participaron este venres no campus de Ourense na novena edición da feira eXXperimenta en Feminino, a gran cita anual coa divulgación científica e co fomento da igualdade no eido CTEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) do campus de Ourense. A iniciativa é froito do traballo e do compromiso dun amplo colectivo de persoal docente e investigador da UVigo, principalmente mulleres, que queren contribuír a rachar os teitos de cristal neste eido: a falta de referentes femininos científicos na sociedade e a desproporción entre homes e mulleres nas carreiras científico-tecnolóxicas.
A feira celébrase no edificio Politécnico co gallo do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, e nela participan arredor de 150 investigadoras e investigadores, maioritariamente mulleres, da Facultade de Ciencias, da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Conta co apoio de, ademais dos centros implicados, do Campus Auga; das unidades de Cultura Científica e de Igualdade da UVigo e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Pola mañá estivo aberta aos centros educativos que reservaron praza (14 grupos de estudantado preuniversitario de Ourense cidade, Xinzo de Limia, Bande e Allariz) e a partir das 14.00 h ao público en xeral, xa con entrada libre.
12 rapazas son as gañadoras do X Concurso de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Trátase dunha iniciativa da Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense que ten como obxectivo axudar a que se visualice o papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e chamar a atención do alumnado sobre a ciencia, a enxeñaría e a súa contorna. Nesta edición presentáronse arredor de 150 traballos duns 15 centros educativos da provincia de Ourense, agradecendo e destacando desde a organización da iniciativa esta boa acollida e o esforzo feito polo alumnado participante.
O certame, que conta co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, busca promover o coñecemento por parte da rapazada do papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e as súas achegas ao desenvolvemento humano ao longo da historia. Cada ano organízase no marco das actividades do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Neste edición convidábase ao alumnado de Primaria e Secundaria da provincia a presentar creacións orixinais en formato visual ou literario.
O venres 20 de febreiro o campus de Ourense celebra unha nova edición, a novena, da súa gran cita anual coa divulgación científica e co fomento da igualdade no eido CTEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas). Trátase da feira eXXperimenta en Feminino, que cada ano mobiliza un amplo colectivo de persoal docente e investigador da UVigo, principalmente mulleres, co obxectivo de contribuír a rachar dous teitos de cristal neste eido: a falta de referentes femininos científicos na sociedade e a desproporción entre homes e mulleres nas carreiras científico-tecnolóxicas.
A feira, que se desenvolve no edificio Politécnico, organízase co gallo do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, e nela participa arredor de 150 investigadoras e investigadores, maioritariamente mulleres, da Facultade de Ciencias, da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Ademais conta co apoio de, ademais dos centros implicados, do Campus Auga; das unidades de Cultura Científica e de Igualdade da UVigo e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Pola mañá estará aberta aos centros educativos que reservaron praza (14 grupos de estudantado preuniversitario de Ourense cidade, Xinzo de Limia, Bande e Allariz) e a partir das 14.00 h ao público en xeral, xa con entrada libre.
- Unha conferencia afonda no campus no uso de satélites para a detección de illas de calor e incendios
- A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo convoca a cuarta edición do seu concurso de fotografía AeroVision
- Máis de 500 estudantes preuniversitarios coñecen esta semana o campus de Ourense
- O concurso escolar sobre muller e ciencia do campus celebra a súa décima edición