Do 20 ao 23 de outubro celébrase en Escocia o 6º Parlamento Rural Europeo, punto de encontro “para reforzar a cooperación transfronteiriza, compartir coñecementos e definir novas políticas e prácticas que impulsen o futuro do medio rural europeo”. A cita conta coa participación da Universidade de Vigo coa presentación dos proxectos internacionais comprometidos co desenvolvemento do rural Granular e Storcito, a cargo do Grupo HC1, da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense.
O Parlamento Rural Europeo, indican desde o grupo de investigación da UVigo, “é unha asemblea democrática participativa de carácter bienal que reúne máis de 400 delegadas e delegados de 43 países, representando milleiros de líderes comunitarios, emprendedores, académicos e responsables políticos”. Durante as súas sesións, presentaron o traballo desenvolvido no marco de Granular, proxecto financiado pola Unión Europea que “crea novas ferramentas de análise e participación para deseñar políticas públicas máis xustas e adaptadas ás realidades locais”. A participación na UVigo neste proxecto está liderada desde o grupo HC1 pola profesora María Isabel Doval, e preséntase en Escocia tamén cos alcaldes de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez, e de Larouco, Patricia Lamela, concellos ourensáns que participan nesta iniciativa.
