Avanzar na exploración espacial supón a diferente áreas de coñecemento un reto substancial. Teñen que traballar na vangarda do coñecemento co obxectivo de dar aínda un paso máis alá. Os froitos dese esforzo materialízanse en novas tecnoloxías, materiais, produtos, etc que co paso do tempo en moitos casos acaban chegando á sociedade de diferente xeito, desde o teléfono móbil ata os materiais ignífugos. Este venres o campus de Ourense uniuse á celebración da Semana Mundial do Espazo, unha iniciativa internacional proclamada polas Nacións Unidas e destinada á divulgación da contribución da ciencia e da tecnoloxía á mellora da condición humana. E fíxoo cunha xornada divulgativa na que un centenar de estudantes preuniversitarios puideron achegarse, a través de charlas, talleres e exposicións, ao pasado, presente e futuro da exploración espacial e a como ela impacta na vida cotiá.
A iniciativa formou parte da programación desenvolvida estes días en diferentes localidades galegas por parte da Xunta de Galicia no marco da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo. No caso do campus de Ourense, a actividade estivo organizada pola Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, a Escola Superior de Enxeñaría Informática e a Facultade de Ciencias, contando co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense, o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), Airbus e a asociación Ellas Vuelan Alto. Os tres centros da UVigo uníronse co obxectivo de pór en valor a interdisciplinaridade da ciencia espacial, onde ten cabida desde a enxeñaría aeroespacial e a informática ata a ciencia e tecnoloxía dos alimentos.
