O colectivo eXXperimenta en Feminino, composto por profesoras e investigadoras de Ciencias, Enxeñaría Informática e Aeroespacial do campus de Ourense, pon en marcha unha nova iniciativa divulgativa. Trátase dunha serie de vídeos titulada Exploradoras do Universo nas que se recolle a biografía e logros de mulleres que co seu coñecemento e traballo axudaron a que a humanidade pisara a Lúa.
A iniciativa, explican desde a súa organización, dá continuidade a outras accións divulgativas deste colectivo como as exposicións itinerantes Mulleres na ciencia e As mulleres que nos levaron á Lúa e os libros Elas leváronnos ao espazo e E tí que científicas coñeces? Exploradoras do Universo, detallan, é “unha serie de pílulas divulgativas que a través de pequenos vídeos de animación conta a historia desas mulleres e das súas achegas á ciencia”.
O vindeiro luns 9 de setembro a Universidade de Vigo arranca oficialmente o curso 2024/2025. Co prazo de matrícula aínda aberto, faino con taxas de ocupación históricas superiores ao 100%. Co obxectivo de dar a benvida ao alumnado de novo ingreso, esta semana a institución académica celebra en cada un dos seus tres campus unhas xornadas de acollida informativas e lúdicas na que o estudantado que comeza a súa vida universitaria pode coñecer os servizos e instalacións que teñen á súa disposición. A primeira delas tivo lugar, con moito éxito de participación, este mércores no campus de Ourense.
En total, a institución académica viguesa ofertou para o curso 2024/2025 un total 3836 prazas de novo ingreso de grao (e 1733 de mestrado). Entre as novidades destaca un novo título, o Grao en Enxeñería da Automoción con mención dual, o primeiro deste tipo que se imparte en Galicia. O seu obxectivo é formar ao alumnado no campo profesional da enxeñaría industrial que se configura arredor do sector da automoción, contando para iso co respaldo de Stellantis, o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) e o Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga). Xa en mestrado, a UVigo incorpora dous novos títulos interuniversitarios, os de Biofabricación e Internet das Cousas-IoT.