Co nome de Storcito e con case 4,9 millóns de euros de orzamento, este mes de maio arrancou un proxecto europeo liderado pola Universidade de Vigo que afondará na "transformación sostible de comunidades rurais mediante innovacións técnicas, sociais e organizativas". A iniciativa fomentará de xeito multidisciplinar a innovación en ámbitos chave das zonas rurais europeas, como son a prevención de incendios, a mobilidade e a enerxía.
O consorcio de Storcito (Sustainable transformation of rural communities via technical, social and organizational innovations) está formado por once entidades de cinco países europeos, como son Noruega, España, Alemaña, Grecia e Países Baixos. Participan cinco institucións académicas (Universidade de Vigo, Universidade Ruhr de Bochum, Universidade Agrícola de Atenas, Universidade de Utrecht e o Instituto de Tecnoloxía Deggendorf); as entidades de innovación Sintef AS (oenegué dedicada á I+D) e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde); as empresas de desenvolvemento tecnolóxico Innogando SL (sector gandeiro) e Nimmo AS (mobilidade sostible) e o municipio noruegués de Gjesdal. Cunha duración de tres anos, está financiado con 4.862.797,70 euros a través do programa Horizonte Europa da UE, correspondendo á UVigo 620.625 euros.
Co curso académico enfilando a súa recta final, é tempo de comezar os actos de graduación académica. En total, nas vindeiras semanas arredor de 739 estudantes das diferentes escolas e facultades do campus de Ourense celebrarán o remate dos seus estudos. Elas e eles recollerán de mans de autoridades académicas e acompañados de membros da comunidade universitaria, familiares, amizades e autoridades os seus diplomas e bandas.
Os primeiros en celebrar a súa graduación serán as e os estudantes da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Será este venres, 23 de maio, ás 18.00 horas, no salón de actos Marie Curie do edificio Politécnico nun acto presidido polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa. Concretamente graduaranse 85 rapaces e rapazas: 49 da XV promoción do Grao en Administración e Dirección de Empresas (ADE); 15 da XIV promoción de Turismo; 17 da VII promoción do programa conxunto dos graos de ADE-Dereito, e 4 da IV promoción do programa conxunto Turismo-Xeografía e Historia. A madriña académica de Turismo e Turismo-Xeografía e Historia será Mª Montserrat Cruz e a Institucional Alejandra Seara, xerente do Consorcio Turismo Ribeira Sacra. En ADE e ADE-Dereito o padriño académico será Jesús Vázquez e o institucional Jorge Vázquez, presidente Redegal. Ademais, subirán a coller o seu diploma os cinco estudantes que conforman a segunda promoción do Título Propio para o Emprego e Vida Autónoma do campus, que terán como madriña a Vanessa Suárez. Por último, no acto farase un recoñecemento ás alumnas de ADE e Turismo que acadaron premios extraordinarios o pasado curso.
Desde xuño de 2023, 15 socios de oito países, entre eles a Universidade de Vigo, levan a cabo con financiamento europeo o proxecto Saril. O seu obxectivo é mellorar a sostibilidade e a resiliencia das redes de infraestruturas e loxística da UE, desenvolvendo metodoloxías e ferramentas de xestión fronte a eventos disruptivos, como poden ser incendios ou ciberataques. Esta semana, os seus membros reúnense no campus de Ourense para facer balance do traballo feito e planificar o último ano de proxecto.
O obxectivo desta xuntanza é, explicaron os seus responsables, “avaliar o estado global do proxecto, compartir os traballos da fase de simulacións obtidos das ferramentas desenvolvidas e comezar a traballar no período de validación que lideramos dende a UVigo". A programación arrancou este martes na Biblioteca Rosalía de Castro do campus coa participación dunha trintena de persoas en representación dos 15 socios da iniciativa, desde universidades e centros de investigación a grandes empresas. Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, foi o encargado de darlles a benvida, destacando nas súas palabras o enriquecemento académico que supón o desenvolvemento deste tipo de proxectos pero tamén pondo en valor o impacto social que teñen, neste caso no eido da sostibilidade e resiliencia das infraestruturas.
As vagas de calor serán moito máis intensas e de maior extensión espacial na península ibérica e Baleares para o período 2050-2095. Pola contra, no caso das ondas de frío, tanto a súa intensidade como extensión espacial diminuirán. Estas son dúas das proxeccións feitas nun estudo conxunto realizado por un equipo investigador da Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago de Compostela e a Misión Biolóxica de Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
O estudo acaba de ser publicado co título Heat and cold wave intensity and spatial extent on the Iberian Peninsula: future climate projections (2050–2095) na revista Climate Dynamics e está asinado por Nieves Lorenzo, investigadora do Environmental Physics Laboratory (EphysLab), CIM-UVigo; Alejandro Díaz e Alberto Martí (USC), e Dominic Royé (Misión Biolóxica de Galicia). O traballo é a continuación das análises de intensidade e extensión espacial das ondas de calor e de frío no ámbito da península ibérica e Baleares realizadas anteriormente por membros do equipo.
- A UVigo acada 1,5 millóns de euros en cinco contratos con empresas para desenvolver tecnoloxías aeroespaciais
- Investigadores da UVigo e da USC desenvolven un modelo matemático e un software que predín a expansión da avespa velutina
- Enxeñaría Aeronáutica pon en valor a traxectoria dos seus egresados e egresadas
- Arredor de 600 estudantes preuniversitarios coñecen de primeira man o campus de Ourense