O equipo da Universidade de Vigo Aerolab lidera un novo proxecto europeo que durante os vindeiros catro anos traballará para transformar a construción e a rehabilitación de edificios mediante robótica avanzada, automatización e dixitalización. A iniciativa, que conta coa participación de 14 entidades públicas e privadas de oito países, está financiada pola UE con case catro millóns de euros. “Radiance sitúanos na primeira división europea de robótica, traballando con institucións de referencia”, destacan os responsables do proxecto.
Baixo o título Robotic, automated and digital solutions for improving building renovation and new construction efficiency (Radiance), o proxecto ten unha duración de catro anos, arrancando o pasado mes de setembro e prolongándose ata finais de agosto de 2029. Está financiado ao 100%, con 3.999.189,25 euros, polo programa Horizonte Europa, da UE, correspondendo 550.000 euros á UVigo. Está coordinado polo grupo Aerospace and Transportation Systems Laboratory (Aerolab) da Universidade de Vigo, pertencente ao Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais e con sede na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense. O coordinador de Radiance, o profesor da UVigo Higinio González, subliña que “este proxecto supón un fito para Aerolab, para o Ifcae e para o campus de Ourense porque é a primeira vez ha historia do noso campus no que se lidera un proxecto europeo no ámbito da robótica”, indica. O financiamento acadado, engade, permitiralle desenvolver liñas de investigación relacionadas coa robótica aérea.
O Consello de Campus de Ourense celebrou este xoves a súa primeira xuntanza do curso académico 2025/2026. Entre outros temas, nel informouse da posta en marcha dun proceso de consulta para comezar a traballar na reordenación do uso de espazos universitarios que permitirá a apertura do edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo que se está a construír.
A sesión, que tivo lugar no edificio Xurídico-Empresarial, arrancou cun informe do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, no que fixo un repaso das novidades en diferentes cuestións que atinxen tanto ao conxunto da Universidade como especificamente ao campus de Ourense. No primeiro caso, falou de temas como as negociacións sobre o mapa de titulacións, apuntando que “aínda que están bastante paradas si que houbo algún achegamento” e tamén das negociacións sobre o plan de financiamento tras a primeira xuntanza e á espera da constitución da súa comisión. No caso do campus de Ourense, o reitor salientou como abre este curso académico “nunha situación moi favorable” cuns datos de matrícula “extraordinarios, por riba do 100%” e coas obras de construción do novo edificio para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo en marcha.
Un total de 27 alumnos e alumnas de catro titulacións do campus de Ourense integran Auria Technologies, unha asociación estudantil que leva varios meses traballando no desenvolvemento dun sistema de condución autónoma que nestes días poñen a proba na competición Formula Student do Reino Unido. Esta proba reúne entre o 16 e o 20 de xullo un cento de equipos universitarios de todo o mundo no circuíto internacional de Silverstone. A proba conta con varias modalidades, entre elas Formula Student-Artificial Intelligence, que é na que compite o equipo ourensán e consistente no desenvolvemento, programación e posta a punto dun sistema de condución autónoma que se integra nun vehículo sen piloto proporcionado pola organización.
Trátase, en concreto, dunha modalidade de competición centrada “no desenvolvemento integral do software de intelixencia artificial de control do vehículo, así como na adaptación do hardware necesario para a súa condución autónoma”, sinala Carlos Carballido, team leader de Auria Technologies. “Os equipos deben integrar un sistema de visión artificial, planificación de traxectorias e intelixencia artificial para superar diferentes probas dinámicas e estáticas, sen intervención humana”, engade Carballido. Preto de 30 equipos de diferentes países toman parte nas probas desta categoría da Formula Student, na que os equipos universitarios deben presentar os sistemas de condución desenvolvidos para que o vehículo opere de forma completamente autónoma. “O noso vehículo é 100% eléctrico, equipado con cámaras, sensores LiDAR e un sistema de procesamento baseado en redes neuronais para a toma de decisións en tempo real”, engade o representante desta asociación estudantil.
Cun orzamento de dez millóns de euros, a ansiada construción do edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo xa está en marcha. Este venres presentouse o seu proxecto cunha visita de autoridades ao campus de Ourense na que se destacou que, nun contexto de crecemento do sector aeronáutico, a posta en marcha deste edificio é “unha aposta de futuro”.
A presentación do proxecto fíxose no Campus Auga (fronte a parcela na que se construirá) e onde actualmente hai laboratorios da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo que foron visitados polas autoridades durante o acto. Entre as persoas asistentes estiveron Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia; Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e unha ampla representación do equipo de goberno da UVigo; Nieves Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo; Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense, e Aníbal Pereira, tenente alcalde do Concello de Ourense.
- O equipo de aeromodelismo UVigo Aerotech compite en Valencia co seu dron Peregrinus
- O proxecto para pór a disposición dos concellos ferramentas coas que elaborar mapas de calor entra na súa segunda fase
- Abre a preinscrición para os 67 mestrados oficiais da UVigo para o curso 2025/2026
- O proxecto estatal Airis afonda na dixitalización do mantemento das vías de ferrocarril de alta velocidade