Desde o curso 2024/2025, o equipo estudantil UVigo Aerotech desenvolve o proxecto Solaris, centrado no deseño e manufactura de foguetes para acudir a competicións estatais e internacionais. Tras este tempo de esforzo e aprendizaxe para sentar as súas bases, o vindeiro mes de xullo, en Huesca, está previsto que dean o salto á competición e participen na L1, cita organizada por Surt e SpainRocketry que reúne a estudantes universitarios de toda España para deseñar, construír e lanzar un foguete de alta potencia. Alí competirán co seu modelo Viradinha MkII, deseñado, desenvolvido e fabricado por eles mesmos ao longo deste curso académico.
No proxecto Solaris participan arredor de 33 estudantes de diferentes graos dos campus de Ourense e Vigo, concretamente dos graos de Enxeñaría Aeroespacial, Intelixencia Artificial, Enxeñaría Informática, Tecnoloxías de Telecomunicación, Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática, Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais. Segundo explican desde o equipo, trátase "dun proxecto ambicioso e moi ilusionante" cuxas actividades actualmente consisten en realizar foguetería a nivel competitivo con obxectivo principal participar na EuRoC'27 (European Rocketry Challenge), desenvolver motores propios de combustible sólido (SRAD) e converterse no estándar de software de código aberto en foguetería afeccionada co seu Solaris Software.
O congreso internacional que celebra periodicamente o Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense arredor dos recursos hídricos e a agroalimentación, xa ten datas e temática. A súa sexta edición terá lugar os días 8 e 9 de outubro e nesta ocasión centrarase na innovación aeroespacial aplicada á xestión ambiental e agraria.
Este VI Congreso Internacional do Campus Auga, que ten por lema Sistemas aeroespaciais para respostas multisectoriais ante desafíos ambientais, está organizado pola Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Vicerreitoría do Campus de Ourense e promovido polo Campus Auga, proxecto de especialización acreditado e financiado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia. Conta ademais co patrocinio da Deputación de Ourense. “Nun escenario global marcado pola presión sobre os recursos naturais, a intensificación dos fenómenos climáticos extremos e a necesidade de avanzar cara a modelos de desenvolvemento máis sostibles, este congreso propón unha mirada integradora e estratéxica sobre o potencial das tecnoloxías aéreas e espaciais”, sinalan desde o comité organizador, presidido por Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Nieves Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.
A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense celebrou este venres o seu III Foro Alumni. Nel, egresadas e egresados do centro volveron a el para contarlle ao seu actual alumnado como está sendo as súas traxectorias profesionais. A actividade estivo organizada con motivo do 12 de abril, Día Internacional dos Voos Espaciais Tripulados, destacando a directora do centro, Nieves Lorenzo, a pertinencia desta celebración tendo en conta o lanzamento estes días da misión á Lúa Artemis II.
O acto arrancou dándose a coñecer a resolución do concurso fotográfico da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo Aerovisión 2026. Nel convidábase ás persoas interesadas a presentar as súas mellores imaxes no ámbito aeronáutico e/ou espacial. En total presentouse unha vintena de obras, concedéndose tres galardóns. O primeiro premio, dotado cun dron, foi para o fotoxornalista Iñaki Abella, pola fotografía Línea de fuego. O segundo, dotado cun telescopio, recaeu en José Luis Neira, pola imaxe La Patrulla Águila. Por último, concedeuse un terceiro premio, dotado cuns prismáticos, a Nicolás Outón, pola peza Air Canada Vortex.
49 estudantes da Universidade de Vigo integran a día de hoxe UVigo SpaceLab. Mentres ultiman o proxecto BIXO, Bacteriological Intercommunication eXperiment in Orbit, un CubeSat de dúas unidades que levará a bordo unha carga biolóxica para estudar como a microgravidade e a radiación afectan aos procesos de comunicación bacteariana, o equipo está inmerso nun proceso de ampliación, que se prolongará ata o 19 de abril. “O obxectivo é atraer a novos estudantes para garantir a remuda xeracional, manter o coñecemento e que este non se perda”, explica Daniel Collarte, responsable de Marketing e Manager Lead do equipo, que destaca “que non só buscamos enxeñeiros, senón que poderían formar parte do equipo estudantes doutra carreiras que poden ser útiles no ámbitos administrativos, de deseño ou comunicación”.
Este proceso de ampliación coincide cun momento que os integrantes do equipo cualifican de “decisivo, co lanzamento de BIXO que se realizará en próximos meses” , unha circunstancia que permitirá ás novas incorporacións vivir o lanzamento, e, “o máis importante, o desenvolvemento de novas misións, punto moi importante, xa que o interese da asociación, non só é o proxecto BIXO, senón crear un equipo no que estudantes de todas as carreiras poidan poñer en práctica todos os coñecementos adquiridos durante a carreira e claramente ampliar o seu ámbito de coñecemento”.
- Unha mesa redonda aborda no campus os retos do puxante sector espacial
- eXXperimenta en Feminino somerxe a case 400 escolares na ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas sen prexuízos de xénero
- O concurso de creación artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia premia a doce rapazas
- O día 20 de febreiro o campus abrirá as súas portas coa feira científica e divulgativa eXXperimenta en Feminino