Por terceiro ano consecutivo, este mércores a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense celebrou o Concurso de lanzamento de paracaídas. Nel, arredor dunha trintena de estudantes terceiro curso do Grao en Enxeñaría Aeroespacial puxeron a proba e competiron coas súas propostas de paracaídas. Esta actividade de innovación docente enmárcase na materia Mecánica de Fluídos 2 e CFD e está coordinada polo profesor Eduardo Suárez Porto.
A proba constitúe o punto final dun traballo de simulación numérica no que os futuros enxeñeiros e enxeñeiras aeroespaciais levan varios meses traballando en grupo, deseñando e probando virtualmente diferentes modelos de paracaídas. Os equipos compiten no certame en igualdade de condicións: co mesmo material de construción, o mesmo lastre e idénticas condicións de lanzamento. A iniciativa busca que o alumnado aplique as ferramentas de simulación de fluídos aprendidas na aula a un caso práctico de estudo. Para iso, as e os estudantes deberon desenvolver e optimizar novos deseños funcionais de paracaídas, usando CFD e aplicando os contidos e competencias da materia. O alumnado participou na iniciativa dividido en once grupos de traballo, deseñando e construíndo cada un deles un paracaídas. “Comprobar na realidade como se comporta un deseño que ata agora só existía nunha simulación é unha das mellores formas de comprender a mecánica de fluídos”, explica Eduardo Suárez.