O equipo formado por alumnado da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense Ziptie Motorsport estreou con éxito en Viena, na competición HTL Zero Emission Challenge 2026, o seu kart eléctrico de baixo custo. Acadaron un terceiro posto nas probas estáticas, convertéronse no primeiro equipo internacional en participar nesta cita e viron cumprido o seu soño de competir cun vehículo creado por eles mesmos.
Ziptie Motorsport está formado por catro alumnos de segundo curso do Grao de Enxeñaría Aeroespacial da Universidade de Vigo, como son Nicolás Outón, José Luis Penide, Carlos Vázquez e Pablo Álvaro Froiz, e complétao Guillermo Penide, do IES Sánchez Cantón. En Viena (Austria), na HTL Zero Emission Challenge 2026, competiron os días 21 e 22 na categoría Advanced fronte a 20 equipos austríacos, que, apuntan, “teñen á súa disposición profesores especializados que os orientan para a competición e un presuposto moito maior, sendo nós os únicos sen equipo docente”.
Este martes presentouse no campus de Ourense unha nova cátedra da Universidade de Vigo: a Cátedra Indra en Sistemas Aéreos Autónomos. Esta cátedra nace co obxectivo de establecer unha colaboración continuada entre a empresa Indra Group e a UVigo en actividades relacionadas coa formación, divulgación, transferencia e fomento da I+D+i no campo da aviación non tripulada, sistemas de guiado, RPAS e sistemas de aeronaves non tripuladas. Trátase dunha actuación que se enmarca ademais na aposta da Xunta de Galicia e Indra, en colaboración coa UVigo e a través da iniciativa Civil UAV, “por consolidar Galicia como un polo de referencia en innovación, desenvolvemento tecnolóxico e talento vinculado ao ámbito aeroespacial e dos sistemas non tripulados”.
Na presentación participaron Carmen García Mateo, reitora da Universidade de Vigo; María Jesús Lorenzana, conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia; José Luis Albo, responsable de Indra Group en Galicia; Nieves Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo; e Fernando Veiga, profesor da UVigo director da cátedra. Na súa intervención, Carmen García Mateo destacou que esta iniciativa “representa moi ben o modelo de universidade que queremos: unha institución capaz de aproveitar as súas fortalezas, conectada co tecido empresarial e que transforma o coñecemento en oportunidades reais para a sociedade”. Neste sentido, puxo en valor “o traballo que se está desenvolvendo desde Ourense, onde contamos cunha Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo que conseguiu consolidar unha oferta formativa de grande atractivo e desenvolver capacidades docentes e investigadoras nun sector de enorme proxección”.
Na vangarda do desenvolvemento tecnolóxico, o avances no sector aeronáutico e aeroespacial teñen impacto en moi diferentes sectores, desde o uso de drons para optimizar a agricultura ata a monitorización de incendios. Co obxectivo de afondar en como a innovación aeroespacial está a redefinir a xestión ambiental e agraria e a resposta aos grandes retos ecolóxicos actuais, o campus de Ourense acolle este xoves e venres a celebración do VI Congreso Internacional do Campus Auga. Na cita, arredor de medio centenar de axentes do sector público e privado exploran o uso de satélites, plataformas de grande altitude, drons e tecnoloxías de teledetección, "ferramentas que están a revolucionar a forma en que observamos, analizamos e xestionamos o territorio”.
O congreso, que ten por lema Sistemas aeroespaciais para respostas multisectoriais ante desafíos ambientais, está organizado pola Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Vicerreitoría do Campus de Ourense e promovido polo Campus Auga, proxecto de especialización acreditado e financiado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia. Conta ademais co patrocinio da Deputación de Ourense. Na súa apertura este xoves, Nieves Lorenzo, directora da escola organizadora, salientou que o congreso busca “amosar dun xeito integrador como a aeronáutica non é unha cousa afastada do noso día a día, senón que é algo que está en todas partes, necesitámola para a innovación tecnolóxica na agricultura, para afrontar o problema dos incendios, para o estudo climático e para a actuación en catástrofes naturais, entre outras moitas cousas”.
Coa satisfacción de ter dado o mellor de si mesmos, da aprendizaxe adquirida e de ver os obxectivos cumpridos, o equipo da Universidade de Vigo Auria Technologies, formado por case 40 estudantes de diferentes titulacións do campus de Ourense, rematou este domingo a súa participación na Formula Student UK-Artificial Intelligence (FSUK-AI), que se celebrou desde o mércores no circuíto de Silverstone, en Reino Unido. Alí puxeron a proba, competindo con 38 universidades de diferentes partes do mundo, a súa proposta de condución autónoma de coches eléctricos aplicando intelixencia artificial.
O equipo da UVigo foi o único representante galego nesta competición internacional. O seu sistema de condución presentado foi froito do traballo de estudantes das titulacións de Intelixencia Artificial e Enxeñaría Informática (ambas da Escola Superior de Enxeñaría Informática); Enxeñaría Aeroespacial (da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo) e de Turismo (da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo). A iniciativa contou co apoio da Xunta de Galicia, a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Universidade de Vigo, o Cesga, IPG, OnShape, Aerolab e o Instituto de Investigación en Física, Computación e Ciencia Aeroespacial. 18 dos membros do equipo desprazáronse a Reino Unido para participar no certame.
- A aeronave de UVigo Aerotech Flamingus compite en Alemaña na Air Cargo Challenge
- Carlos García Galán explica no campus de Ourense o programa da base lunar da Nasa
- O equipo de UVigo Aerotech Solaris competirá a nivel estatal co seu foguete Viradinha MkII
- O VI Congreso Internacional do Campus Auga analizará a aplicación da innovación aeroespacial na xestión ambiental e agraria