49 estudantes da Universidade de Vigo integran a día de hoxe UVigo SpaceLab. Mentres ultiman o proxecto BIXO, Bacteriological Intercommunication eXperiment in Orbit, un CubeSat de dúas unidades que levará a bordo unha carga biolóxica para estudar como a microgravidade e a radiación afectan aos procesos de comunicación bacteariana, o equipo está inmerso nun proceso de ampliación, que se prolongará ata o 19 de abril. “O obxectivo é atraer a novos estudantes para garantir a remuda xeracional, manter o coñecemento e que este non se perda”, explica Daniel Collarte, responsable de Marketing e Manager Lead do equipo, que destaca “que non só buscamos enxeñeiros, senón que poderían formar parte do equipo estudantes doutra carreiras que poden ser útiles no ámbitos administrativos, de deseño ou comunicación”.
Este proceso de ampliación coincide cun momento que os integrantes do equipo cualifican de “decisivo, co lanzamento de BIXO que se realizará en próximos meses” , unha circunstancia que permitirá ás novas incorporacións vivir o lanzamento, e, “o máis importante, o desenvolvemento de novas misións, punto moi importante, xa que o interese da asociación, non só é o proxecto BIXO, senón crear un equipo no que estudantes de todas as carreiras poidan poñer en práctica todos os coñecementos adquiridos durante a carreira e claramente ampliar o seu ámbito de coñecemento”.
