Cun orzamento de dez millóns de euros, a ansiada construción do edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo xa está en marcha. Este venres presentouse o seu proxecto cunha visita de autoridades ao campus de Ourense na que se destacou que, nun contexto de crecemento do sector aeronáutico, a posta en marcha deste edificio é “unha aposta de futuro”.
A presentación do proxecto fíxose no Campus Auga (fronte a parcela na que se construirá) e onde actualmente hai laboratorios da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo que foron visitados polas autoridades durante o acto. Entre as persoas asistentes estiveron Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia; Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e unha ampla representación do equipo de goberno da UVigo; Nieves Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo; Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense, e Aníbal Pereira, tenente alcalde do Concello de Ourense.
