A Universidade de Vigo participará en cinco novos proxectos para desenvolver tecnoloxías innovadoras no ámbito aeroespacial e farao da man de empresas de relevancia internacional que lle achegarán á institución preto de 1,5 millóns de euros. Estas novas iniciativas desenvolveranse no marco do Programa Tecnolóxico Espacial (PTE), promovido polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades a través do Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación (CDTI). Esta convocatoria está dirixida a consorcios de empresas que contraten organismos de investigación como forma de potenciar a transferencia de coñecemento entre os distintos actores da innovación tecnolóxica no eido espacial.
Os grupos de investigación da UVigo, tanto do campus de Ourense como do de Vigo, colaborarán con compañías como Airbus, Indra Sistemas, GMV Aerospace and Defence ou a galega Alén Space, spin-off que naceu precisamente na propia Universidade de Vigo. En total asinaranse oito contratos con sete empresas, que suporán a captación de 1.490.000 euros para impulsar o desenvolvemento tecnolóxico no campo do espazo en dúas frontes: as constelacións de satélites e a maduración “bottom-up” da tecnoloxía espacial.
Un equipo de investigadores das universidades de Vigo e de Santiago de Compostela desenvolveron un modelo matemático e un software que predín a expansión da avespa velutina e que permiten analizar distintas estratexias de control desta especie invasora.
Os resultados do seu traballo acaban de ser publicados na revista internacional Nonlinear Analysis: Real World Applications nun artigo titulado Application of Stieltjes parabolic partial differential equations to the population dynamics of vespa velutina. Está asinado polos profesores Iván Area, membro do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo; e por Francisco J. Fernández, Juan J. Nieto e Adrián F. Tojo, do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia e da Universidade de Santiago de Compostela.
A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense celebrou este venres o Día Internacional dos Voos Espaciais Tripulados e o Día da Cosmonáutica. Fíxoo cunha programación que incluíu a segunda edición do seu Foro Alumni e a entrega de premios do seu concurso AeroVisión2025.
No II Foro Alumni, o estudantado do Grao de Enxeñaría Aeroespacial da UVigo tivo a oportunidade de coñecer de primeira man os camiños profesionais que tomaron cinco egresadas e egresados desta escola. Concretamente, participaron Raúl Quibén, enxeñeiro aeronáutico e estudante predoutoral da Universidad Carlos III; Gema González-Redondo, responsable de produción en Aciturri Aeronáutica; Pablo Domínguez, enxeñeiro de deseño para Airbus Helicopters; Ana Cambón, enxeñeira de procesamento de datos en Eumetsat, e Paula Salomón, responsable de planificación e coordinación en Utingal. Coa súa elección, o centro quixo dar visibilidade a diferentes perfís profesionais en diferentes sectores.
Este luns e martes arredor de 600 estudantes preuniversitarios de nove centros educativos galegos participan na xornada Coñece o campus de Ourense. Nela teñen a oportunidade de, ao longo dunha mañá, facer “vida universitaria”, coñecendo de primeira man os seus centros e instalacións e as titulacións que neles se imparten. A actividade dá continuidade a outra similar celebrada a mediados de xaneiro e nas que estiveron outros 900 alumnos e alumnas de Bacharelato.
A xornada está organizada pola Vicerreitoría do Campus de Ourense co apoio da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade da Universidade de Vigo. A súa programación arrancou cunha benvida conxunta no edificio Politécnico e continuou cunha visita guiada ás diferentes escolas e facultades. Na benvida, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, agradeceu ao alumnado, profesorado e centros educativos asistentes a boa acollida que deron a esta iniciativa. Nas súas palabras destacou que estas xornadas non só atraen centros educativos de Ourense senón tamén doutras provincias galegas, pondo en valor o interese que suscita este campus e as súas titulacións alén da súa contorna máis próxima. O vicerreitor animou ao alumnado presente a aproveitar esta actividade para ver e valorar as oportunidades que lles ofrece este campus de cara ao seu futuro académico, subliñando cuestións como os altos índices de empregabilidade das súas carreiras.
- Alumnado de Aeroespacial achégase ás capacidades actuais e desafíos de futuro no sector dos drons
- UVigo e Copasa desenvolven un proxecto estatal para dixitalizar e automatizar a inspección de vías de ferrocarrís de alta velocidade
- A licitación para construír o edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo publícase por un importe de dez millóns de euros
- O campus amosa o seu potencial investigador ao subdelegado do Goberno en Ourense