Este luns e martes arredor de 600 estudantes preuniversitarios de nove centros educativos galegos participan na xornada Coñece o campus de Ourense. Nela teñen a oportunidade de, ao longo dunha mañá, facer “vida universitaria”, coñecendo de primeira man os seus centros e instalacións e as titulacións que neles se imparten. A actividade dá continuidade a outra similar celebrada a mediados de xaneiro e nas que estiveron outros 900 alumnos e alumnas de Bacharelato.
A xornada está organizada pola Vicerreitoría do Campus de Ourense co apoio da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade da Universidade de Vigo. A súa programación arrancou cunha benvida conxunta no edificio Politécnico e continuou cunha visita guiada ás diferentes escolas e facultades. Na benvida, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, agradeceu ao alumnado, profesorado e centros educativos asistentes a boa acollida que deron a esta iniciativa. Nas súas palabras destacou que estas xornadas non só atraen centros educativos de Ourense senón tamén doutras provincias galegas, pondo en valor o interese que suscita este campus e as súas titulacións alén da súa contorna máis próxima. O vicerreitor animou ao alumnado presente a aproveitar esta actividade para ver e valorar as oportunidades que lles ofrece este campus de cara ao seu futuro académico, subliñando cuestións como os altos índices de empregabilidade das súas carreiras.
