O campus de Ourense celebra este venres unha nova edición, a sétima, da feira científica e divulgativa eXXperimenta en Feminino. Nela, conflúe un amplo colectivo de máis de medio centenar de investigadoras e investigadores da UVigo de diferentes disciplinas e máis de 300 escolares e familias co obxectivo de descubrir xuntos “a maxia da ciencia”, dun xeito lúdico e no que se fai especial fincapé en dar protagonismo ás mulleres científicas.
A feira une cada ano a un amplo colectivo de persoal investigador da Facultade de Ciencias, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Escola Universitaria de Enfermaría deste campus co obxectivo de visibilizar o papel da muller no eido CTEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas) e atraer vocacións científicas a el, principalmente entre as nenas e rapazas. No arranque da feira, a profesora Alma Gómez, coordinadora da actividade xunto a Julia Carballo e Nieves Lorenzo, destacou a “grande implicación” de investigadoras e investigadores do campus nesta iniciativa e o seu compromiso cos obxectivos de eXXperimenta en Feminino.
Xurdida en 2018, a actividade organízase co gallo do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Despois de varias edicións celebrándose no centro da cidade de Ourense, a feira, lembrou Alma Gómez, volve nesta edición ao campus, “á súa organización máis tradicional”, ofrecendo un ano máis “actividades moi interesantes” co reto de que o público asistente aprenda máis sobre a ciencia e sobre as científicas. “Estamos realmente satisfeitas e agradecidas pola excelente acollida que ten eXXperimenta, tanto entre a xente que participa na organización e desenvolvemento das actividades como por parte dos centros educativos e dos propios rapaces e rapazas”, comentaron as organizadoras.
De ver un túnel de vento a crear un arco da vella
Concretamente, a feira desenvólvese no edificio Politécnico, contando con 14 postos con actividades científicas de carácter visual e manipulativo nas que se expoñen aspectos relacionados coa investigación realizada nas diferentes áreas CTEM do campus. En cada mesa ofrécese, con liderado de mulleres, un ou varios experimentos para a participación das e dos asistentes. Ao longo do seu percorrido rapaces a rapazas e familias poden ver os microorganismos da auga, descubrir o valor da biomasa, crear un arco da vella e coñecer como se forman as nubes e os tornados, ademais da loita contra a vespa velutina. Tamén teñen a oportunidade de ver unha simulación nun túnel de vento, crear pequenos videoxogos, aprender primeiros auxilios e coñecer desde como os residuos poden ter unha segunda vida ata a beleza e o poder das enzimas. Outras actividades permiten ver a recreación do afundimento e explosión do buque Casón, participar nun ‘escape room’ para aprender os conceptos de refinería e de biorefinería e participar nun obradoiro práctico sobre etiquetado alimentario, familiarizándose na identificación do contido en azucres, graxas, sal e estimulantes que se agocha en alimentos procesados como bebidas enerxéticas ou lambetadas.
Pola mañá participaron máis de 300 estudantes, acompañados por docentes, de 5º e 6º de Primaria, ESO e 1º de Bacharelato procedentes de oito centros da provincia de Ourense e arredores, achegándose colexios non só da cidade das Burgas senón tamén de, por exemplo, Monforte de Lemos ou Xinzo de Limia. Xa pola tarde, a partir das 15.00 h, a feira está aberta ao público en xeral que se queira achegar ao campus. Ás 17.00 h terá lugar, no salón de actos Marie Curie do mesmo edificio, o acto de entrega dos galardóns do VIII Concurso Escolar de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.
Nesta edición, a feira conta co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense, dos centros do campus implicados, das unidades de Igualdade e Cultura Científica da UVigo e da Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta, recibindo ao longo do seu desenvolvemento a visita de Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo, e de Elena Rivo, conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, acompañada pola secretaria xeral de Igualdade, Sandra Vázquez.