Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

27/10/2026

A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense celebrou este martes unha conferencia do xefe do Centro de Operacións de Vixilancia Espacial (COVE) de España, o tenente coronel Roberto García Robles. Nela, alumnado e profesorado da escola tivo a oportunidade de coñecer de primeira man o papel deste órgano e as súas funcións no contexto do puxante desenvolvemento do sector espacial. A misión principal do COVE é a vixilancia e coñecemento da situación espacial e a provisión de servizos en apoio ás operacións das Forzas Armadas. Tamén pode realizar labores de vixilancia espacial de fenómenos naturais (meteoritos, asteroides, entre outros) ou accidentais (como lixo espacial).

A conferencia tivo lugar no salón de graos do edificio Xurídico-Empresarial do campus. Nieves Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da UVigo, foi a encargada de presentar ao convidado, destacando a súa dilatada traxectoria no ámbito da defensa e das operacións espaciais. Igualmente, recalcou a pertinencia de que o alumnado do Grao de Enxeñaría Aeroespacial do seu centro coñeza o COVE e as súas “capacidades estratéxicas máis relevantes para a seguridade e o coñecemento da contorna espacial”. Neste senso, salientou que o traballo que nel se realiza non só abrangue temas militares senón que tamén “contribúen á investigación científica e tecnolóxica”.

Ler a nova completa no DUVI