Tres imaxes para celebrar o Día Internacional dos Voos Espaciais Tripulados

O 12 de abril de 1961 o ruso Yuri Gagarin realizou o primeiro voo espacial tripulado, un evento histórico que abriu “o camiño á exploración do espazo en beneficio de toda a humanidade”. Por esta razón, en 2011 a Asemblea Xeral da ONU aprobou a declaración deste día como Día Internacional dos Voos Espaciais Tripulados e Día da Cosmonáutica. Sumándose a esta conmemoración, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense convocou este ano un concurso de fotografía chamado AeroVision 2023 que este mércores deu a coñecer as obras gañadoras da súa primeira edición.   

O certame AeroVision, indican desde a súa organización, xurdiu este ano co obxectivo de recoñecer e difundir o papel da ciencia e a tecnoloxía espacial no desenvolvemento da sociedade, convidando ás persoas interesadas a presentar imaxes sobre situacións, paisaxes ou circunstancias relacionadas co ámbito aeronáutico e/ou aeroespacial. O xurado do concurso estivo formado por Humberto Michinel, director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo; Neves Seoane, directora do Centro de Investigación  Aeroportada de Rozas de Lugo (CIAR), e o fotoxornalista Brais Lorenzo. O primeiro premio está dotado cun dron, o segundo cun telescopio e o terceiro cuns prismáticos.

O primeiro premio recaeu na fotografía Carreira lunar, de Irene Vieito Pena. “Esta fotografía inmortaliza un instante que puiden observar dende a miña fiestra. Dous avións coincidiron nas súas rutas nun momento e lugar tal que dende a miña posición parecían dúas naves espaciais competindo para ver cal chegaba antes á Lúa”, explica a galardoada. O segundo premio foi para a imaxe Aeródromo de Requena, de David Piquera Aparicio. Segundo explica o seu autor, trátase dunha fotografía tomada en xuño de 2018 nun dos hangares deste aeródromo, uno dos enclaves aeronáuticos máis importantes de España, durante a celebración da concentración de avións históricos Memorial Fernando Monzonís. Por último, o terceiro premio foi para a proposta de David Montero Suárez Soños e máis aló, na que fotografía á súa filla observando a imaxe de dous cosmonautas no espazo e que pretende ser “un reflexo das inquietudes dos nenos e nenas por ver mais aló das estrelas”.

Compromiso co futuro da exploración espacial

Satisfeitos coa acollida desta primeira edición do concurso, desde a súa organización trasladan a súa felicitación á autora e autores das obras galardoadas e o seu agradecemento a todas as persoas que presentaron fotografías a AeroVision 2023. “Desde a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo consideramos que a industria aeroespacial e aeronáutica representa un sector estratéxico para a economía actual e por iso buscamos achegala á sociedade coa celebración deste certame de fotografía”, sinalan desde a dirección do centro.

O Día Internacional dos Voos Espaciais Tripulados e Día da Cosmonáutica, lembran desde a escola da UVigo, conmemora algo tan importante para a humanidade como o principio da era espacial co obxectivo de aumentar o interese da cidadanía pola exploración do espazo e ao mesmo tempo estimular o xurdimento dunha comunidade global comprometida co futuro da exploración espacial. Ao redor dos voos espaciais tripulados, subliñan, existe unha grande industria “con impresionantes avances tecnolóxicos, que xeran avances aplicables ao día a día da humanidade” e que contribúen de maneira importante ao seu desenvolvemento.

Ler a noticia completa no DUVI