O Máster en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados nace como un título de alta especialización para estudantes universitarios con dúas vertentes, unha centrada na enxeñaría de sistemas aéreos non tripulados que liderará a Universidade de Vigo e outra centrada na operación de sistemas aéreos non tripulados que liderará a Universidade de Santiago de Compostela.

É unha proposta única no Sistema Galego de Universidades e non existen títulos similares en todo o noroeste peninsular, o que amplía o seu mercado potencial de estudantado a rexións como Asturias, Castela e León ou o Norte de Portugal.

 

Demanda potencial e interese para a sociedade

A aplicación dos Sistemas Aéreos non Tripulados (UAS) aos procesos existentes nos diferentes sectores de actividade está permitindo ás compañías crear novos modelos de negocio. Cada industria ten necesidades diferentes e como consecuencia necesita diversas solucións baseadas en UAS.

De forma concreta, os UAS poden contribuír a estes sectores en operacións como monitoraxe de obras, inspección de infraestruturas, loxística de última milla e loxística in situ en fábricas, provisión datos xeoespaciais para medición de riscos por parte de aseguradoras, fotografía aérea e vídeo profesional, inspección de antenas de telecomunicacións, operacións en redes eléctricas, servizos da internet en áreas remotas, monitoraxe de cultivos, dispersión de pesticidas, vixilancia, xestión de explotacións mineiras, xestión forestal, xestión do espazo mariño, etc.