Campus del Agua

Unhas xornadas para avanzar na igualdade na industria do videoxogo

Organizadas por profesoras de Ciencias da Educación e de Enxeñaría Informática

“A industria do videoxogo segue lonxe dos estándares de igualdade que debería manter”. Tendo en conta esta premisa e a importancia dos videoxogos no ocio e na formación na sociedade actual e co obxectivo de contribuír a mudar o papel da muller neste sector, as docentes María Isabel Doval, da Facultade de Ciencias da Educación, e Alma Rodríguez, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, organizan os días 28 e 29 de novembro as xornadas Videogamificación e sexualidades: identidades, xéneros e discursos interactivos. Consecuencias para a industria e a educación.

Segundo explican as coordinadoras da iniciativa, “cada vez son máis as mulleres de peso na industria e as protagonistas femininas nos videoxogos e tamén son xa case a metade da porcentaxe de xogadoras habituais”. Porén, matizan, “as mulleres só conforman o 22% do sector de desenvolvemento e un 10% do cadro de competidores e competidoras profesionais en ligas”. Neste contexto, recalcan, xorde a necesidade tanto de dar a coñecer “o verdadeiro papel da muller na industria, da man de xornalistas, desenvolvedoras, estudantes, artistas e xogadoras profesionais”, como de “mellorar as competencias do futuro profesorado sobre gamificación inclusiva e dar a coñecer as posibilidades dos videoxogos para unha educación para todos e todas”.

 

Leer noticia completa no DUVI

Xornadas de videogamificación