Campus del Agua

Arno Formella, elixido para continuar á fronte da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo

A súa foi a única candidatura presentada ás primeiras eleccións do centro

A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense celebrou este xoves as súas primeiras votacións para elixir ao seu director e equipo directivo. A única candidatura presentada, a liderada por Arno Formella e formada por Iván Area como subdirector e Ángel Paredes como secretario, acadou 16 votos a favor e un en contra da Xunta de Escola. Con este resultado dáse continuidade á dirección do centro, xa que Arno Formella, por designación do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, ocupou o cargo de director-comisario da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo durante o seu primeiro ano de funcionamento.

“Preséntome como candidato para seguir unha liña de continuidade”, afirmou o candidato durante o seu discurso á Xunta de Escola antes das votacións. O seu equipo directivo mantén como subdirector a Iván Area e incorpora a Ángel Paredes, que substitúe no cargo a Diego González. Para Iván Area e Diego González, Arno Formella tivo palabras de agradecemento polo traballo realizado nos seus postos no último ano. “Creo que o que temos hoxe, os laboratorios funcionando e a docencia organizada, o que necesitabamos ao principio, é meramente froito do seu traballo”, afirmou o docente sobre eles. Salientando a súa confianza en que Diego González sexa “reactivable para futuras misións”, o director da escola destacou de Ángel Paredes a súa experiencia como secretario do Máster de Fotónica e Tecnoloxías do Láser.


Leer noticia completa no DUVI