Alumnado de Aeroespacial coñece as tendencias de futuro en fabricación e materiais

O campus de Ourense acolleu este mércores a conferencia Fabricación avanzada de estruturas de material composto: materiais funcionais, fabricación aditiva e dixitalización, ofrecida por Pablo Romero, responsable de Estratexia de I+D+i do centro tecnolóxico Aimen. Nela, alumnado do Grao en Enxeñaría Aeroespacial da Universidade de Vigo tivo a oportunidade de achegarse ás tendencias de futuro en fabricación e materiais.  

A sesión formou parte do Foro Aero, un ciclo de charlas divulgativas que cada curso académico organiza a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo co obxectivo de achegar ao seu alumnado e profesorado, pero tamén ás persoas interesadas, cuestións de interese para complementar a súa formación. Esta conferencia estivo organizada polo profesorado do centro Diego Carou e David Álvarez e foi presentada por Humberto Michinel, director da escola.

Aimen, explicou Pablo Romero ao alumnado asistente, é un centro tecnolóxico galego formado por aproximadamente 300 persoas, no que destacan os perfís profesionais de enxeñaría, física e química, entre outros. “Desenvolvemos tecnoloxía de fabricación avanzada, desde TRL 2, que é fundamentalmente investigación e innovación máis básica, ata TRL 8, que é experimentación na industria. Os servizos de Aimen son, por unha banda, o desenvolvemento desa tecnoloxía e logo tamén nalgúns casos a comercialización e a implantación en industria”, comentou o relator. Cada ano, indicou, “temos activos aproximadamente 50 proxectos de I+D grandes, que vamos renovando, en convocatorias nacionais e europeas”.

Tecnoloxías disruptivas

Na súa conferencia, o responsable de Estratexia de I+D+i de Aimen abordou “as tendencias de fabricación aditiva, de materiais compostos e de fabricación aditiva tamén en metal a nivel global”. Neste contexto, explicou as actividades que se realizan no seu centro tecnolóxico, con sede no Porriño (Pontevedra), neste eido. “Temos infraestrutura bastante potente nesta liña, en procesos de fabricación aditiva robotizada, e desenvolvemos os nosos propios materiais e tecnoloxía para optimizar os procesos de fabricación, con sistemas de quecemento láser, con monitorización en tempo real, etc”, comentou. Na súa intervención, o convidado tamén comentou os proxectos internacionais nos que están traballando en Aimen, algúns liderados por eles, e que constitúen “proxectos europeos grandes, con consorcios de entre oito e 30 socios de toda Europa e dos que forman parte empresas moi grandes”, financiados ao abeiro dos programa europeos Horizonte 2020, xa rematado, e o actual Horizonte Europa.

Estas tecnoloxías que se están propoñendo, indicou o experto, son “bastante disruptivas” no senso de que “permiten fabricar pezas con xeometrías moi personalizadas, complexas, e que tamén achegan desde o punto de vista da sostibilidade un aforro de material e recursos”. Son tamén, engadiu tendo en conta o público asistente, “tecnoloxías disruptivas para a fabricación de aerestruturas do futuro”. Porén, desde o punto de vista das enxeñarías, apuntou por último Pablo Romero, “teñen que madurarse e mellorarse para que sexan máis eficientes e que as empresas poidan implementalas máis para mellorar a súa competitividade”. Por estes motivos, destacou a importancia de que o alumnado do Grao de Enxeñaría Aeroespacial tamén coñeza “estas tecnoloxías do futuro”.

Ler a noticia completa no DUVI